Entrevista de Jaureguizar con Agustín Fernández Paz sobre «Non hai noite tan longa». Maio 2011

Jaureguizar publicou en El Progreso unha entrevista con Agustín Fernández Paz con motivo da saída de Non hai noite tan longa. Reproducímola integramente:

«A miña xeración ten unha sensación de estafa polo tempo que nos tocou vivir»

O escritor vilalbés anda atarefado coa elaboración dun dossier que respalde a súa candidatura ao premio Andersen, o galardón internacional máis destacado de literatura infantil e xuvenil, pero o seu corazón anda incerto e ilusionado con ‘Non hai noite tan longa’ (Xerais), o seu debut oficial como escritor para adultos logo de 43 libros publicados.

Fernández Paz vive entre incertidumes nestes días. Aínda falta un ano para saber se lle conceden o premio Andersen, pero soamente lle falta unha semana para ir percibindo se o sistema literario galego o acepta como autor para adultos coa primeira novela que quita nunha colección non expresamente xuvenil ou infantil.
—Agora que está revisando a súa carreira para elaborar o dossier, non pensou en escribir unha memorias?

—Non teño intención de facelo. Si de facer un libro cunha escolma dos meus textos de ensaio. Algún ten un certo aire memorial.
—Por que se mantén sempre nun segundo plano, por tras da súa obra? A súa humildade é admirable, pero contradice a súa importancia.

—Non é humildade. Non estiven en África Oriental. A miña biografía é a de calquera tipo da miña idade, non me distingo por nada. De todos os xeitos, todas obras de fición son autobiografías enmascaradas. Hai dúas correntes paralelas que se alimentan do vivido.
—Resístese a falar de si mesmo, pero non da súa xeración. Faino en ‘Non hai noite tan longa’.

—Esta novela é dalgún xeito un retrato da miña xeración. Chega unha idade na que tes a necesidade de botar a vista atrás e ver como foron as cousas, como te foi levando a vida a facer determinadas cousas. Cando morreu Franco eu tiña 28 anos. 28 anos da miña vida marcounos o franquismo, pero máis que o réxime político, foi o modo de vida e a ausencia de pautas culturais que nos tocou vivir. Canda fala iso cos meus alumnos custáballes entendelo. Moitos dos autores aos que facíamos referencia na clase son autores que eu debera ter lido na mocidade, pero non puiden: Camus, Beckett, Neruda, Alberti ou Castelao. No cine pasoume igual, eu sabía de memoria a filmografía de Godard polas revistas de cine que lía, pero hai películas que aínda estou ven do agora por vez primeira. Para os que viviron o franquismo con pracidez era normal, pero para os que tiñamos sede de cultura era unha estafa tremenda. A miseria moral e o atraso son vivencias xeracionais. O drama en materia de relacions afectivas marcou a toda unha xeración.
—Padecían castración do afecto?

—Si, pero unida aos conceptos de pecado e de culpa que nos metían. Os seus escapes foron Barcelona e o cine. Si, tras Vilalba, Lugo e Xixón, Barcelona era unha illa de liberdade en todos os ámbitos. Había numerosos cines de arte e ensaio.
—Vosteda xa manda directamente ao protagonista de ‘Non hai noite tan longa’ a Francia. Por que escolleu facelo no 69, cando empezaba a apertura, e non os anos nos que a opresión era maior?

—O 69 e 70 foron anos de estado de excepción, do proceso de Burgos, das condeas a morte, os sucesos de Ferrol… Parécelle pouca opresión?
—A novela está ambientada en 2002. A que se debe?
—Porque é o ano de entrada do euro e porque o protagonista cumpre
50 anos, que é unha idade simbólica, cando regresa. Nesta obra volve un asunto do pasado que ha de ser resolto. A vida é iso, contas pendentes que resolver. No caso do protagonista debe resolver que prenderan e morrera o pai e a el aféctalle. Ten a conciencia da culpa de marchar deixando a familia e de non volver.
—Opina que a culpa é a característica da súa xeración.
—Non, a nosa característica é a sensación de estafa, de frustración
pola época na que nos tocou vivir.
—A culpa é un concepto relixioso, e vostedes foron marcados pola relixión. 
—No caso da novela si que ten que ver coa relixión. O protagonista marcha para non afogar e fai por esquecer, pero volve e se reencontra co pasado. Ten unha sobriña que representa ás xeracións dos 80 e 90, que non teñen perxuicios e preguntan para saber o que pasou. E está o tema da portada…
—A famosa foto de Rosa Parks negándose a ceder o asiento no bus a un branco…
—Escollín esa foto por ese espírito de querer enfrontar a inxustiza e de resolver algo no pasado, aínda que sexa a destempo, no caso do meu protagonista.
—O pasado pode resolverse?
—Na miña novela, si; na vida real é máis complicado.
—Escribiu ‘Non hai noite tan longa’ pensando nos adultos?
—Non, escribína coa mesma dedicación cas outras. O editor leuna
e falamos de metela nunha colección sen adscricións. Eu véxoa tan de adultos coma outras novelas miñas, como ‘Aire negro’. Daquela, no 92, preferín metela nunha colección para rapaces porque pensei en chegar a máis lectores.

«Se Docampo ou Miranda ingresasen na RAG abriría unha botella do mellor champán»

A PETICIÓN para que a literatura infantil e xuvenil (LIX) estea representada na Real Academia Galega está medrando con Agustín Fernández Paz como candidato.
—A que ámbitos debería acceder a LIX para a súa normalización?
—Xa se fixo madura, aínda que en España tardou máis en chegar. Hai xente adulta que le este tipo de literatura e non lle caen os aneis. Saben que hai cousas boas, malas e regulares, como nos outros. Os escritores de LIX son máis visibles… se seguimos así, os editores non mirarán se publican nunha colección ou noutra.
—A entrada na RAG dalgún autor sería o paso definitivo?
—Esa polémica anda por aí, pero paréceme máis importante a entrada das mulleres.
—Unha vez haxa académicas, non debería haber autores de LIX?
Sería simbólico e farían unha achega como a doutros ámbitos. Na Academia están todos os sectores, agás a LIX. O importante son as mulleres porque é unha reivindicación histórica. A Academia Española ten mesmo periodistas. Tamén deberían entrar. A linguaxe periodística é importante.
—Obviándoo a vostede. Que lle parece que fagan académicos a Xabier Docampo ou Xosé Miranda?
—Abriría unha botella do mellor champán.

Jaureguizar