Desde outra mirada
Ensaio publicado na revista Álbum de mulleres, na web do Consello da Cultura Galega (2-4-2010).
Desde outra mirada
Agustín Fernández Paz
1. Na procura dos fíos da vida
Aínda que se exprese con imaxes e metáforas diversas, a idea de que a escrita se constrúe cos fíos da vida aparece de xeito reiterado nas reflexións de moitos autores. Tamén no meu caso, xaora1. Así que, se quero explicar por que moitos dos meus libros están protagonizados por mulleres ou rapazas e por que adoito crear voces narradoras femininas cando emprego a narración en primeira persoa, debo indagar nas miñas experiencias e atopar os fíos que axuden a entendelo.
Non sabería dicir ben en que momento da miña vida comecei a interesarme polo papel das mulleres na sociedade, así como sobre a inxusta situación que soportaban. Rebuscando na memoria para a elaboración deste texto, o primeiro que lembro é o impacto que me produciu a lectura do libro La mujer en España2. Impresionárame tanto que, cos escasos cartos dos que daquela dispuña, mercara dous exemplares máis para llelos agasallar a dúas persoas que daquela eran moi boas amigas miñas. A raíz desta lectura escribira un artigo na revista quincenal La Torre, que se publicaba na Universidade Laboral de Xixón, onde eu estaba daquela, facendo a carreira de Peritaxe
Industrial. Sei que gardo unha copia dese artigo por algures, mais non fun quen de atopala.
A partir de 1967, como moitas outras persoas da miña xeración, comecei a ler de xeito sistemático Triunfo e Cuadernos para el diálogo. Estas dúas revistas, de acordo co seu enfoque democrático e progresista, ocupábanse con certa frecuencia de cuestións relacionadas coa situación social das mulleres e do incipiente movemento feminista que daquela había en España. Lembro especialmente un número extraordinario de Cuadernos para el diálogo, “La mujer”3, que aínda conservo profusamente subliñado. E tamén algúns números de Triunfo, como o monográfico “El matrimonio”4, que fora secuestrado e motivara o peche da revista durante medio ano5. En Triunfo publicaba habitualmente Nuria Pompeia, con viñetas semanais de moito interese, referidas á loita das mulleres por se emanciparen.
Estes datos poden servir para rastrexar o meu interese inicial, que se veu acrecentado nos anos inmediatamente anteriores e posteriores á morte de Franco. Foron moi numerosas as revistas (Cuadernos de Pedagogía, Reforma de la Escuela, El Viejo Topo, Teima, Por Favor…) e periódicos (EL PAIS, A Nosa Terra…) que viron a luz nesa etapa de intensa confrontación de ideas. De entre elas, para a historia que tento contar, destacarei Vindicación Feminista, que se publicou mensualmente entre xullo de 1976 e o mesmo mes de 1979.
En 1974, despois de estudar Maxisterio n’A Coruña, comecei a dar clase. Era un tempo onde aínda rexía a separación escolar entre nenos e nenas, que tardaría varios anos en desaparecer. E foron tamén os anos en que se publicaron numerosos libros6 que abordaban desde múltiples perspectivas os problemas que a muller tiña nunha sociedade que aínda lle negaba os dereitos máis básicos7.
Cando saíu Vindicación Feminista, a miña dona e mais eu dabamos clase no colexio público de Gernika. Lembro ben o moito que nos interesou e a atención con que a seguiamos mes e mes, sobre todo polos artigos que tiñan que ver co oficio de ensinar (entre eles, algún sobre os roles masculinos e femininos nos contos tradicionais e na literatura infantil).
[…]
Descargar o ensaio completo: desde-outra-mirada