Contos mínimos (2)

(A imaxe que encabeza a entrada tomeina desta web:
http://visionahuesca.es/index.php/acciones/encuentro-uimp/)

O relato mínimo de hoxe escribino hai xa ben anos. Daquela, non sabía que acabaría por se converter na semente dunha das novelas que prefiro: Corredores de sombra. Antes, esta mesma semente aínda fixera agromar un breve relato, tamén co título «Meditación ante o álbum…», que acabou formando parte de meu libro O único que queda é o amor. Era unha semente teimuda, dou fe: non me deixou en paz ata que escribín a novela!

MEDITACIÓN ANTE O ÁLBUM DE FOTOS FAMILIAR

Levabamos anos falando de remodelar a ala dereita do pazo, mais nunca nos dabamos decidido. Este outono comezamos as obras, logo de vencer múltiples resistencias familiares. De acordo cos novos planos, procedeuse ao derrube das vellas paredes interiores. Entre os tabiques de dous cuartos pequenos, nun oco habilmente disimulado, apareceu un esqueleto enteiro nun magnífico estado de conservación.

Levaba alí máis de cincuenta anos, segundo acreditaron os informes do forense. Os informes explicaban tamén a causa da súa morte, cunha meticulosidade innecesaria: o cranio furado e a bala que apareceu na base da caveira eran testemuñas luminosas para calquera de nós.

Desde aquel día contemplo o álbum coas vellas fotos familiares e trato de distinguir, entre tantos rostros que me observan hieráticos, cal é o que esconde nos ollos a mirada do asasino.