Con Rosalía, en Xixón

Cantares Gallegos (Rosalía de Castro, 1863)

Debeu de ser aló polo 1965 ou 1966, non lembro ben a data, cando puiden ler enteiro o libro Cantares Gallegos, de Rosalía de Castro. Daquela eu estudaba Peritaxe Industrial na Universidade Laboral de Xixón, uns estudos que me ocupaban case todas as horas do día. Mais tamén me gustaba frecuentar a biblioteca central, que levaba unha muller de nome Ana María. Fixen amizade con ela, que me deixaba fedellar entre tanto libro como alí había; libros distintos dos das outras bibliotecas da Laboral, máis orientadas aos previsibles gustos do alumnado.

Alí foi onde atopei un exemplar de Cantares Gallegos, non lembro en que edición. Como moitos mozos do meu tempo, coñecía anacos dalgúns poemas soltos de Rosalía; mesmo lembro unha marca de viño que traía na etiqueta o «Adiós ríos, adiós fontes» completo. E supoño que algún poema seu viría no libro de literatura que estudaramos nos cursos de Oficialía, mais habían ser de En las orillas del Sar.

Tiven comigo aquel exemplar durante varios días. Lin e relín nel cunha emoción que desde hoxe é difícil de entender. Un libro que me traía as palabras da lingua de Vilalba, uns poemas que me emocionaban, ou me facían rir, ou me entristecían, pois de todo había naquel libro inesgotable. Como había que volvelo, copiei varios dos poemas nun caderno, que aínda debe de andar por algures: non só os máis brillantes, como «Adiós, ríos, adiós fontes»,  «Campanas de Bastabales» ou «Castellanos de Castilla», senón tamén outros que me engaiolaron, como «Cantan os galos pra o día» ou «Mais o que ben quixo un día».

Daquelas xornadas de lectura apaixonada, lembro unha tarde de diario en que marchei só a camiñar polos carreiros de Deva, unha aldea situada a dous ou tres quilómetros da Laboral. Un río beirado de árbores, unha ponte vella, un cemiterio con ese engado que só teñen algúns camposantos rurais. Aquela tarde paseina lendo a Rosalía, cunha emoción que poucas máis veces sentín diante dun libro.

Pasado o tempo, puiden ler Follas Novas, o que máis valoro de todos, o libro que sitúa á nosa poeta á altura das mellores voces da literatura mundial, e tamén ese libro de infinita tristeza que é En las orillas del Sar.

E, xa entrados nos anos setenta, para popularizar Rosalía entre a xente nova foi moi importante o LP que Amancio Prada lle dedicou en 1975. Xa había algún poema no seu primeiro disco, Vida e morte, pero o dedicado a Rosalía foi un agasallo inmenso que, aínda hoxe, non canso de escoitar. Logo viñeron ben máis versións dos seus poemas por parte doutros cantantes e de ben grupos, mais esa xa é outra historia.

Que neste 2013, cando non só celebramos o Día de Rosalía, coma cada 24 de febreiro, senón tamén os cento cincuenta anos da aparición de Cantares Gallegos, a obra e a persoa de Rosalía estean tan presentes e tan vizosas entre nós enche o peito de entusiasmo. Coma os clásicos que merecen tal nome, a obra de Rosalía parece escrita onte mesmo. Fálanos a nós e fálalles aos lectores que a descubrirán no futuro. Que fortuna, termos unha figura así na cerna da nosa cultura!