Ser nena no Senegal
Moolaadé (Ousmane Sembene, 2004)
Como cheguei a Moolaadé.
No ano 2009 publiquei a miña novela Lúa do Senegal. Foi un dos libros sobre os que máis, e durante máis tempo, me documentei. Non lembro cando iniciei o proceso, para o caso tanto ten, mais si direi que era imprescindible. Se ía contar unha historia que, en boa medida, se desenvolvía no Senegal, tiña que enchouparme da súa realidade.
Recorrín a canto recurso puiden: conversas con persoas que estiveran aló, libros descritivos e sociolóxicos (que bo, Senegaleses en España!) e tamén libros de ficción. E, xaora, diversas web, moita música, documentais e películas. Películas que me achegasen á realidade senegalesa, a ese ambiente e eses detalles que só o cine nos pode dar.
Martin Pawley foi quen me facilitou un bo lote de películas, a maioría de moito interese. Mais a que me deixou impresionado, con diferenza, foi Moolaadé, a película que Ousmane Sembene realizou no ano 2004. Un director senegalés ao que pertencen estas palabras:
«O meu público é África; Occidente e o resto son mercados. Ademais, quero manter a miña estética o máis achegada posible á narrativa oral tradicional dos nosos países, razón pola que non uso nunca métodos tomados de Hollywood ou do cine europeo. A miña meta, e espero lograla, é crear unha linguaxe fílmica africana.»
O cine de Ousmane Sembene.
Cando me puxen a saber máis sobre este director, considerado o pai do cine africano, sentín que as pezas comezaban a encaixar. Porque este home nacera na cidade de Ziguinchor, a maior da Casamance; e Ziguinchor era, precisamente, o lugar onde eu decidira situar a Khoedi, a miña protagonista. O de ambientala na Casamance non era azaroso: trátase de parte sur do Senegal, moi diferente do resto do Estado, con idioma propio e onde aínda están presentes as crenzas animistas. Pero esta historia queda para outra ocasión.
Hoxe quero falar de Moolaadé, unha película das grandes, malia a escaseza de medios de que dispuña Ousmane Sembene. Cine comprometido, cine didáctico, cine sinxelo e profundo a un tempo. Cine enraizado na sociedade senegalesa e, por iso, abertamente universal. E cine valente, pois trata un tema central en toda a África subsahariana: o bárbaro costume da mutilación xenital que aínda se lle segue a practicar a milleiros de nenas.
Esta película é a ideal para achegarse ao cine de Ousmane Sembene, autor doutras películas de grande interese e, tamén, dunha obra literaria da que en galego temos unha mostra, O xiro postal. O prólogo deste libro, «Dickens en Senegal: a vida e a obra de Ousmane Sèmbene», escrito por Martin Pawley, magnífico coñecedor da obra do senegalés, achéganos con eficacia á biografía e á obra deste home comprometido con África.
Un filme inesquecible
O argumento da película é sinxelo e directo, as cargas de profundidade irán aparecendo ao longo dela. Sucede nunha vila pequena do interior do Senegal, a película está falada en bambara, a lingua falada na zona. Alí vive unha muller, Collé Ardo, que no seu día non permitiu que a súa filla fose sometida á ablación. Cando chega o tempo en que, como cada ano, se inicia un ritual coas nenas que van sufrir a mutilación, catro delas foxen e piden amparo na casa de Collé Ardo. E ela váillelo dar, invocando un costume ancestral: o respecto ao moolaadé, que garante o dereito a dar esa protección.
Collé Ardo sabe ao que se arrisca, pois coa súa actitude vaise opoñer ás autoridades da vila, ás encargadas do sanguento ritual, ás outras mulleres… A partir de aquí, contar máis sería estragarlle a película a quen aínda non a viu. Un filme admirable, exemplar e divertido.
A película está distribuída en España por Golem e Cameo Media. E pode verse on line en Filmin. Se de min dependese, non quedaría centro educativo onde non se pasase, sobre todo agora que se achega o 8 de marzo. A súa vertente didáctica é riquísima. Como escribiu Lisa Schwarzbaum, a propósito de Moolaadé (premiada en Cannes no ano 2004), «unha obra mestra así ten potencial suficiente para cambiar o mundo».
Aquí pode verse a película enteira, na versión orixinal en bambara, unha das linguas do Senegal: