A illa misteriosa (I)
A novela da miña infancia
Supoño que era inevitable comezar por A illa misteriosa, de Jules Verne, o meu libro esencial, do que nace o meu devezo de ler. Conteino xa hai tempo, nun texto do que reproduzo aquí un fragmento:
Unha noite calquera de inverno, nos grises e mediocres anos cincuenta. Unha casa dunha pequena vila galega, tan pobre coma as outras de arredor. A escuridade da longa noite de pedra da ditadura é algo máis que unha metáfora. Nesa casa hai un home sentado á mesa da cociña, que apoia un libro sobre o hule gastado. Estivo traballando todo o día na carpintaría, quizais ocupado nas pezas dunha cama, ou dun armario, mobles feitos coa vontade de vencer o tempo. Agora ten o libro aberto e, mentres pasa as páxinas, fálalle ao seu fillo máis pequeno das marabillas que encerra aquel volume. “Axiña o poderás ler”, dille, “e entón verás como é certo todo o que che contei”. E o neno, contaxiado polo entusiasmo que desprenden os ollos e as palabras do seu pai, desexa que pasen veloces os meses, para poder entrar no espazo de La isla misteriosa de Jules Verne, pois ese é o libro, un dos que forman a biblioteca paterna, se é que se lle pode chamar así aos dous andeis que gardan uns poucos volumes, un tesouro para aqueles tempos: Verne, Poe, Salgari, Dumas, Mark Twain, Puskhin, Fernández Flórez… Todas edicións vellas e gastadas, aínda que algunhas aparezan protexidas polas novas cubertas que lles puxeron as mans coidadosas dun encadernador amigo. Libros que, nun proceso de sedución guiado só pola intuición e o entusiasmo, serviron para que aquel rapaz quedase contaxiado para sempre polo desexo de ler. Aquel neno era eu e aquel carpinteiro, que ademais tocaba a trompeta na Orquesta Mato, era o meu pai.
Foi, con seguridade, a primeira novela longa que lin. A primeira “só de letra”, sen ilustracións de ningún tipo. Se cadra foi iso o que favoreceu que me quedase tan gravada na memoria. Daquela eu non sabía que era a derradeira dunha triloxía (as outras son Vinte mil leguas de viaxe submarina e Os fillos do Capitán Grant) e que os personaxes dun libro podían acabar aparecendo tamén noutro.
Conservo ese exemplar de La isla misteriosa. Vello e gastado, as páxinas ameazan con se desfaceren. A encadernación feita polo señor Crende (algún día tocará falar deste home), xa pouco máis vai resistir. Está editado en Barcelona e non ten data ningunha, aínda que é moi probable que sexa dos anos corenta. Cantas veces non o lería ao longo da miña vida!
Co decorrer dos anos, fíxenme con outras traducións. Ademais da moi boa versión en galego, obra de Ánxela Gracián, dispoñible na web Bivir, salientarei a última que adquirín, da Editorial Edhasa, que inclúe as ilustracións orixinais de Jules Férat, tan importantes, pois Verne participaba activamente no seu deseño.
Que ten A illa misteriosa, aínda hoxe, para fascinarme de tal xeito? Por que a prefiro a calquera outra novela de Verne, mesmo ás Aventuras do Capitán Hatteras, que é outra das miñas preferidas? Supoño que responder a isto ben merece outro post, pois este xa saíu longo de máis. Así que, coma nos tebeos de aventuras da miña infancia, (continuará).