«En Navidad, siente a un pobre en su mesa»
PLÁCIDO (1962) de Luis García Berlanga
…De Berlanga e de Rafael Azcona, habería que engadir, sobre todo porque este filme marcou o inicio da colaboración entre os dous mestres do humor negro que son Berlanga e Azcona.
Vin Plácido por vez primeira nalgún dos domingos do curso 1963-64. Era o meu segundo ano como interno na Universidade Laboral de Xixón, todos os domingos había sesión de cine no magnífico salón de actos da Uni. Eu tiña daquela 15 anos e lembro ben a proxección, pois é unha desas películas que deixan pegada. Non tanta como se a vemos agora, porque o marco social que Berlanga presenta en Plácido daquela aínda era moi semellante ao que se podía ver en calquera pequena cidade española.
A inesperada actualidade de Plácido
Non hai día en que nos xornais, radios, televisións e redes sociais non atopemos algunha noticia sobre a escandalosa desigualdade económica que padecemos en España, incrementada de xeito acelerado desde o inicio diso que os medios chaman crise. Unha maneira fina de nomear o que non é máis que un roubo xeneralizado ás clases medias e baixas por parte das «elites extractivas».
Entre as cifras de desemprego, de desafiuzamentos, de fame e de pobreza, vemos que a fenda social non fai máis que aumentar (Coma tal, as vinte persoas máis ricas de España teñen tanta riqueza como o os ingresos do 20% máis pobre).
Pois ben: pode resultar insólito, pero esta película de 1961 recolle de xeito admirable a España de ricos e pobres, a España onde uns loitan por sobrevivir e outros nadan na abundancia.
O panorama que nos ofrece Plácido é o da España de 1961. Para as persoas mozas, direi que non hai esaxeración na película; as cousas eran así, aínda que agora nos poidan parecer incribles. Era a España franquista, coas clases sociais ferreamente marcadas.
O mundo de Plácido
A acción transcorre nun único día, o Nadal dalgún ano dos primeiros sesenta, nunha pequena cidade provinciana. A unha asociación benéfica de damas da «boa sociedade» ocórreselle a idea de conseguir que todas as familias dun certo nivel económico inviten un pobre para cear con eles. Siente un pobre a su mesa, un slogan que fixo fortuna.
Para darlle un toque de glamour ao evento, invitan a un conxunto de artistas de Madrid para que, logo dunha subhasta antolóxica, acepten participar tamén en ceas tan peculiares.
No medio desta barafunda están Plácido e a súa familia (a muller é a encargada duns váteres públicos). Plácido acaba de mercar un motocarro a prazos e ten que pagar a primeira letra nese día de Noiteboa. Os do tinglado benéfico alúganlle o motocarro para integralo no desfile que organizan desde a estación do tren ata o salón principal do teatro, onde se procederá ao reparto de pobres e ao sorteo dos artistas.
Esta é a situación de partida, e non debo contar máis. É probable que haxa xente moza que non coñeza esta película. Un descoñecemento que deberan remediar canto antes, pois Plácido, xunto coa posterior El verdugo, son, na opinión de moita xente, as dúas obras cumes desa parella extraordinaria que formaron Berlanga e Azcona.
Un filme inesquecible
Desde unha perspectiva formal, Plácido supuxo a consolidación do emprego do plano-secuencia por parte de Berlanga, que logo sería unha das marcas definitorias do seu estilo. Neste caso, co mérito engadido da participación dun gran número de actores, como na delirante secuencia do casorio do pobre agonizante.
Tamén chamaron a atención os títulos de crédito, que lembraban o mundo de La Codorniz e que, anos despois, tamén vimos reflectidos en Hermano Lobo.
Plácido foi nominada ao Oscar á mellor película estranxeira e tamén á Palma de Ouro en Cannes. É un filme que, mediante o emprego dun humor corrosivo, afonda nas miserias e amarguras da España do franquismo, no esperpento das clases sociais acomodadas, ata chegar a un dos finais máis amargos que se poden ver. Unha alfaia!
O final de Plácido:
E para rematar…
1. Un documental sobre García Berlanga:
2. «El sueño de la maestra», unha curtamentraxe de Luis García Berlanga:
El Sueño De La Maestra de Luis García Berlanga por hamletprimero