Toda esa xente solitaria
(Na foto, a estatua dedicada a Eleanor Rigby e a “toda a xente solitaria”, en Liverpool)
«Eleanor Rigby» (Revolver, 1966. The Beatles)
(O vídeo contén unha secuencia de Yellow Submarine, con «Eleanor Rigby» na banda sonora)
A mediados da década dos sesenta, as gasosas La Revoltosa tiñan, nos envases dun litro, unha carapucha de papel que garantía a autenticidade do contido. Por aquel tempo, esa gasosa consumíase na miña casa, así que me era relativamente doado xuntar esas carapuchas.
E para que? Pois para participar nos concursos que organizaba La Revoltosa. Xuntabas un certo número de precintos (creo que eran dez) e enviábalos ao enderezo sinalado, xunto co título dos cinco discos que querías. Discos de 45 r.p.m., xaora, os LP eran ben máis caros.
Tiven sorte e tocoume unha das veces que enviei. E, ao pouco tempo, chegoume un paquetiño cos discos que pedira. Cinco EP (aclaración para os de xeracións posteriores: os EP eran discos de 45 revolucións que contiñan 4 cancións, dúas por cada cara, a diferenza dos singles, que só traían dúas).
E así, deste xeito, tiven o primeiro disco de meu de The Beatles, o que vemos nesta portada. Un EP procedente do extraordinario LP Revolver, coas cancións «Eleanor Rigby», «Got to get you into my life», «Dr. Robert» e «I want to tell you».
Eu xa coñecía as cancións, xaora, e todo o disco Revolver, grazas a Fernando Martínez, o provedor de libros e discos do grupo de amigos e amigas que nos reuniamos en Vilalba, como creo que xa contei noutro post. A relación que tivemos con The Beatles os da miña xeración foi intensísima. Non perdiamos disco ningún (desde o primeiro, un EP co mítico «Twist and Shout», que aquí canta Lennon en directo) e escoitabamos con fervor as súas cancións (na Laboral de Xixón mesmo faciamos audicións colectivas). Mais esa é outra historia, longa e ben simpática, haberá ocasión de contala algún día. Por certo, e para xente nostálxica, nesta páxina reprodúcese toda a discografía de The Beatles editada en España.
Daquel EP, escoitei millenta de veces as dúas cancións que me fascinaban: «Eleanor Rigby» e «Got to get you into my life». E a que traio hoxe aquí é a primeira, cunha letra moi distinta da dos primeiros temas dos de Liverpool; unha melodía e unha letra que ganan co paso dos anos, se cadra porque son símbolo dunha etapa histórica que tanto influíu, en nós e en xeracións posteriores.
Paul Mc Cartney, o autor desta marabilla, contou en diversos lugares como naceu esta canción e como chegou ao nome de Eleanor Rigby. Aquí podemos ler un resumo desa historia.
Coma outras cancións de The Beatles, «Eleanor Rigby» tivo moitísimas versións. Pola Rede, entre moitas outras, andan a extraordinaria de Ray Charles, a de Joan Baez, a de Aretha Franklin, a da London Symphony Orchestra … e mesmo a dun grupo do que daquela chamabamos rock progresivo, Vanilla Fudge, nun disco que me entusiasmaba. A vida dá para moito!
(No vídeo, Paul Mc Cartney canta en directo “Eleanor Rigby”)
Como remate, paga a pena escoitar a versión de Aretha Franklin, nun programa en directo, no ano 1971: