Ser nena no século XIX
A evolución de Calpurnia Tate (Jacqueline Kelly. Tradución de Carlos Acevedo. Factoría K / Kalandraka, 2013)
Lin esta novela, na súa tradución ao castelán, o ano en que se publicou. E hai unha semanas, Factoría K/Kalandraka publicou a tradución ao galego, obra de Carlos Acevedo. Un pretexto excelente para falar desta novela, unha das mellores de LIX que lin nos últimos anos (podemos ler aquí as trinta primeiras páxinas. E aquí visitar a web da autora)
Son os meses finais de 1899, nunha viliña do estado de Texas. Calpurnia, unha nena de once anos, vive na facenda dos Tate, unha das máis ricas da zona, dedicada ao cultivo do algodón. Calpurnia é a única nena da familia, os outros seis fillos son todos rapaces. Ademais dos pais, con eles vive tamén o avó, Walter Tate, o fundador da facenda; des que se retirou, dedícase só á observación e estudo da natureza.
Calpurnia é intelixente, curiosa e observadora. O seu desexo de entender por que suceden as cousas e a súa paixón pola lectura axiña chaman a atención do avó. Este posúe un exemplar do libro capital de Charles Darwin, A orixe das especies, e a nena devece por lelo (o texto de Darwin está presente de principio a fin, pois todos os capítulos introdúcense cunha cita del).
(Este vídeo é o primeiro dun conxunto de cinco sobre a biografía de Darwin e a formación das súas teorías. A obra completa, de gran interese, dura arredor dunha hora)
Iníciase así unha relación entre neta e avó que resulta apaixonante para Calpurnia. Un día, durante un dos seus paseos polo campo, descobren unha planta de nichela que parece distinta das xa coñecidas. Recóllena, tíranlle varias placas fotográficas e envíanas a Washington para confirmar se se trata, ou non, dunha nova especie.
Durante os meses de espera, Calpurnia comeza a ser consciente do porvir que lle teñen preparado, o usual nas mulleres daquel tempo: presentarse en sociedade, casar, ter fillos, aprender a bordar e cociñar Pero ela non quere ese futuro, o seu maior desexo é estudar e levar unha vida independente. E non convén que conte máis nada, xaora.
Emociona a loita de Calpurnia Tate por ser ela mesma e por cumprir os seus soños, sen deixarse arrastrar polo destino prefixado. E tamén emociona a narración dos descubrimentos e experimentos que realiza, soa ou co seu avó, mentres a nai e a súa contorna social tratan de lle inculcar os valores que se esperan dunha señorita, que ademais é a única filla da familia.
A novela, narrada en primeira persoa pola propia Calpurnia, articúlase ao redor de dúas grandes ideas: a reivindicación dos dereitos das mulleres e a defensa da ciencia e das teorías evolucionistas de Darwin (teorías que aínda hoxe, cento dez anos máis tarde, seguen cuestionadas en diversos estados da USA).
De quedármonos só co anterior, poderíase pensar que A evolución de Calpurnia Tate é o típico libro de tese, enchoupado de ideoloxía explícita. Mais non é así, nin moito menos. A voz narradora de Calpurnia vainos contando os problemas cotiáns propios dunha nena daquel tempo, así como a súa paixón pola lectura (de novelas e de libros sobre a natureza) e o inmenso interese por entender por que suceden as cousas.
Aínda que ten un final aberto, emociona intuír con Calpurnia os vieiros que se lle abren cando o avó lle fala das mulleres, con Marie Curie en primeiro termo, que conseguiron desenvolver unha carreira científica nun contexto nada favorable. Dalgún xeito, sabemos que no século XX tamén ela acabará percorrendo eses camiños.