“Se estou aquí é por ela”
A estatua de Rosa Parks xa está no Capitolio dos EE UU
Hai uns días, o pasado 27 de febreiro, Barack Obama descubría a estatua a tamaño natural de Rosa Parks (1913-2005), unha escultura instalada no Salón Nacional das Estatuas do Capitolio, a primeira dunha persoa negra que forma parte del. Malia estar decidida a construción da estatua desde o ano 2005, non foi inaugurada ata agora, aproveitando o centenario do nacemento da activista negra.
Xa falei nun post anterior sobre Rosa Parks e sobre as razóns de que sexa un modelo de vida para todas as persoas que desexamos un mundo máis xusto e máis libre. Só recollo aquí algunhas das palabras que o presidente Obama pronunciou (na foto, aparece sentado no autobús onde Rosa Parks protagonizou o acto de dignidade):
Fixemos ben ao colocarmos esta estatua aquí. Non podemos honrar mellor a súa memoria que situándoa a carón de quen forxaron a historia deste país. (…) Nun só instante, co máis simple dos xestos, ela axudou a cambiar a historia dos Estados Unidos e do mundo. (…) Eu estou aquí grazas a Rosa Parks.
Aproveito esta ocasión para recuperar aquí o artigo que publiquei no desaparecido Xornal de Galicia, aló por marzo do 2009, titulado “Loanza de Rosa Parks”. Como os contidos do Xornal de Galicia, por decisión empresarial, foron eliminados para sempre da Rede e non se poden enlazar, reproduzo aquí o texto que conservo no meu ordenador.
LOANZA DE ROSA PARKS
A muller que aparece na fotografía é Rosa Parks, unha costureira de 42 anos que, en 1955, residía en Montgomery (Alabama). O 1 de decembro dese ano esta muller negouse a cederlle o seu asento a un home branco que ía de pé no bus, o que motivou que fose encarcerada baixo a acusación de “perturbar a orde”.
O feito, un sinxelo acto de dignidade individual, tivo un papel moi relevante na eliminación dunha lei inxusta e na consolidación do Movemento polos Dereitos Civís nos EE. UU., unha reivindicación de longo alento sen a cal sería impensable que Barack Obama fose hoxe presidente.
“Estaba farta de ceder e ceder”, escribiu Rosa na súa autobiografía. Non aceptaba, por dicilo con palabras de Rosalía de Castro, outra rebelde, “ser estranxeira na súa patria”. Negouse a ser cidadá de segunda: quería ter os mesmos dereitos que os brancos e manter intacta a súa dignidade persoal. A de Rosa Parks foi unha lección de vida imposible de esquecer.
A mentira sobre as armas de destrución masiva en Irak e a referida á imposición del gallego teñen moitos puntos en común. Ben sei que a súa relevancia e dimensión son moi distintas; ao que me refiro aquí é só á metodoloxía utilizada, a ese obxectivo de establecer como socialmente verdadeira unha idea que de feito non o é.
Lembremos o fraude xigantesco urdido polo goberno de Bush: créase a mentira e preséntase unha morea de probas falsas (aquel patético Colin Powell cos tubos de ensaio!). Os medios de comunicación maioritarios difunden o bulo entre a cidadanía. Non se din nunca as razóns verdadeiras da invasión e empréganse grandes palabras para xustificala. Dá igual que despois, destruído Irak, se vise que non había tales armas. Todo vale, que máis ten!
A estratexia para difundir a pretendida imposición del gallego segue exactamente os mesmos pasos: créase a mentira aínda que contradiga os datos da realidade. Desde os medios trabállase para estender a falsidade. Aparecen asociacións que, amparándose en nomes equívocos, se declaran oprimidas por esa imposición. Retórcense palabras como liberdade ou bilingüe para facelas dicir o que non son… Todo vale, unha vez máis!
Cómpre non esquecer nunca esta evidencia: a lingua que naceu hai máis de mil anos neste país non é propiedade de ningún grupo político ou social, senón que é de todas as persoas que vivimos e soñamos nel, e tamén da xente que tivo que marchar e anda espallada polo mundo adiante. Un ben colectivo cunha historia onde hai moitos tramos de amargura.
Se non se quere que haxa cidadáns de primeira e de segunda, teñen que crearse as condicións para que se poida vivir en galego coa mesma normalidade coa que se pode facer en castelán. Entre outras cousas, é preciso que a poboación sexa competente nas dúas lingua oficiais, para que logo cadaquén decida libremente se usa unha ou outra nos diferentes ámbitos e situacións. A dobre competencia é imprescindible para garantir a liberdade lingüística.
Esta dobre competencia xa a posuímos todos os cidadáns que temos o galego como lingua habitual, mais o contrario non ocorre. A oposición entre castelán falantes e galego falantes é, en boa medida, unha falsidade. En todo caso, a oposición será entre os que temos competencia bilingüe e os que se obstinan no mantemento da competencia monolingüe vivindo nun país con dous idiomas oficiais.
De non ser así, como poderei facer efectiva a miña liberdade individual para utilizar o galego na vida diaria? Se cadra, o que se me está a pedir dun xeito implícito é que sexa dócil e cambie de lingua (nos despachos, nos comercios, nas consultas…) para evitar conflitos. O doado é abaixar a cabeza, claudicar en ámbitos adversos, deixar o galego para cando esteamos na casa ou con persoas de confianza: unha lingua só para o guetto. Podería facelo, xaora, mais a miña liberdade quedaría coutada de raíz.
Neste punto, emerxe a figura de Rosa Parks. Un modelo de comportamento para todas as persoas que desexamos unha sociedade onde non haxa cidadáns de primeira e de segunda. Moitos brancos fixeron seus os ideais de Rosa Parks, moitos castelán falantes nos han acompañar neste camiño de esperanza. Para que agromen por fin os significados verdadeiros das palabras democracia e liberdade.