Paco Ibáñez canta a Neruda

Paco Ibáñez interpreta a Pablo Neruda (Paco Ibáñez, 1977)

Un disco extraordinario

No ano 1977, a miña dona e mais eu viviamos en Gernika, onde dabamos clase no Colexio Público “Allende Salazar” e, pola noite, iamos á ikastola a aprender os rudimentos do eusquera. Aquel ano apareceu un disco extraordinario, que mercamos decontado. O malo foi que, como alí non tiñamos tocadiscos, en vez do LP mercamos unha daquelas antigas cintas de casete, que escoitabamos no sinxelo reprodutor que tiñamos e que, inevitablemente, acabou estragándose co transcorrer dos anos.

O LP chamábase, pola cara A, «Paco Ibáñez interpreta a Pablo Neruda»; e pola cara B, «Cuarteto Cedrón interpreta a Raul González Tuñón.» Magníficas, as dúas partes do disco. Mais da que quero falar hoxe é só da cara A, onde Paco Ibáñez canta algúns dos poemas do máis popular libro de Pablo Neruda, Veinte poemas de amor y una canción desesperada, acompañado polos membros do Cuarteto Cedrón.

Non pretendo comentar aquí a importancia que Paco Ibáñez tivo para moita xente da miña xeración. Ha haber ocasións para referírmonos a el e a aqueles discos memorables que gravou nos anos sesenta e setenta. Uns discos con cancións que sabiamos de memoria e que, quen eramos novos daquela, cantamos aínda hoxe. “Palabras para Julia”, “A galopar”, “La poesía es un arma cargada de futuro”, “Soldadito de Bolivia”, “Como tú”… forman parte da nosa memoria sentimental.

Hai moito que dicir sobre Paco Ibáñez, non hei tardar en traelo a este blog algunha vez máis. Neste vídeo, faise unha breve achega á súa persoa e á importancia social do seu traballo:

 


“Es tan corto el amor y es tan largo el olvido”

Pablo Neruda escribiu Veinte poemas de amor y una canción desesperada no ano 1924, cando aínda non fixera os vinte anos. É un texto sinxelo e apaixonado, un magnífico libro sobre o amor e o desamor, que acadou enorme difusión e que, aínda hoxe, segue a engaiolar a novos lectores. Algúns dos seus poemas aparecen citados unha e outra vez, como lle sucede ao poema XX, o que se inicia co verso “Puedo escribir los versos más tristes esta noche”:

Ou o poema XII, o que se inicia con “Para mi corazón basta tu pecho”:

O LP é hoxe moi difícil de atopar, mais a Rede ofrécenos a oportunidade de escoitar a cara A completa, vinte minutos de goce con Neruda, Paco Ibáñez e o Cuarto Cedrón. Velaquí:

E, para quen desexe afondar máis no disco completo, velaquí un enlace que nos leva a un programa dunha radio da Patagonia, onde dedicaron o espazo dunha hora para escoitar e comentar todas as cancións. Pódese descargar en mp3, e paga moito a pena escoitalo enteiro.

Para rematar: hai poucos meses, editouse o disco Paco Ibáñez canta a los poetas latinoamericanos, onde o cantante volve gravar os poemas de Neruda, que se xuntan cos de César Vallejo, Alfonsina Storni, Rubén Dario e Nicolás Guillén. Un CD moi estimable, con novos arranxos e cuns acompañamentos de luxo. Con todo, eu sigo a preferir as vellas versións que tanto me impresionaron naquel afastado 1977.