As uvas da ira
The Grapes Of Wrath (John Ford, 1940)
Non lembro a primeira vez que vin As uvas da ira. Sei que non foi no cine, senón na pantalla da televisión, nos anos en que había só as dúas canles de TVE. Impresionoume, é imposible ficar indiferente diante desta película. Daquela aínda non lera a novela en que se basea, un texto extraordinario. Escrita por John Steinbeck en 1939, John Ford realizou o filme en 1940. Os dous conseguiron que a familia Joad, a cerna do relato, quedase para sempre como paradigma dos males que trouxo a Gran Depresión dos anos trinta.
Aló van máis de setenta anos! E, non obstante, a película parece feita onte mesmo, non hai máis que reparar no que nela se conta: desafiuzamentos de familias ás que os bancos deixan sen casa e sen terras; as longas ringleiras de parados, a pobreza e a fame; a emigración como alternativa; a cobiza dos empresarios, a pagar salarios de miseria amparándose na moita xente que precisa traballar; a solidariedade entre os que nada que teñen, a loita dos explotados por conseguir unha sociedade máis xusta… As imaxes da fotógrafa Dorothea Lange amosan ben a amargura daqueles anos.
Volvín ver a película hai tempo, cando saíu en vídeo. Logo, o DVD permitiume vela restaurada e en versión orixinal. E hai pouco tempo, durante os meses en que escribín Fantasmas de luz, volvina ver varias veces, formou parte da miña documentación básica para ese libro.
A novela é magnífica, mais a película é inesquecible: as súas imaxes quédannos gravadas no cerebro e no corazón. Un filme de denuncia, unha historia que se ve con emoción; John Ford era un xenio contando historias que chegasen a todo o mundo. Por riba, aquí contou cuns actores extraordinarios, de Henry Fonda a John Carradine, pasando por Jane Darwell, a que será para sempre Ma Joad, a nai que terma da familia toda. A que, no plano final con que remata o filme, pronuncia estas palabras de rebeldía e esperanza:
Nunca poderán acabar con nós, nin esmagarnos.
Sempre sairemos adiante, porque nosoutros somos o pobo.
Hai uns anos, publicouse en castelán Los vagabundos de la cosecha, un libro que recolle as reportaxes periodísticas que Steinbeck publicou durante os anos trinta, e que lle serviron de base para novelar a epopea daqueles campesiños que, tras o crack de Wall Street de 1929, a sociedade expulsaba coma se fosen obxectos inservibles. E o gran Woody Guthrie dedicoulle unha canción a Tom Joad, o personaxe ao que lle dá vida Henry Fonda.
Á vista dos dramas sociais que estamos a vivir na actualidade, como consecuencia da cobiza sen límites do sistema financeiro e da submisión do poder político ante as poutas dos poderes económicos, urxe reivindicar esta película extraordinaria. Se alguén le isto e aínda non a viu, que non deixe pasar moitas máis horas sen facelo.
Un engadido: días despois de publicar este post, recibo un texto excelente sobre As uvas da ira, da autoría de Martin Pawley. Velaquí: “A pobreza e o éxodo. Os camiños da vida“.