Este vaise e aquel vaise
Emigrantes, de Shaun Tan (Barbara Fiore Editora, 2007)
Case todos os días, camiño desde a miña casa ata a Estación Marítima de Vigo. Fronte a ela hai unha escultura de Ramón Conde, a figura dun emigrante que, coa súa maleta de madeira, se dispón a entrar na Estación para embarcar rumbo a América nalgún dos buques que levaban os milleiros de galegos que fuxían dunhas condicións adversas e dunhas sombrías expectativas vitais. Uns pasos máis atrás hai outra escultura: a dunha muller, cun neno no colo, que acaba de se despedir do home. Unha máis das viúvas de vivos que cantou Rosalía.
Hai dúas semanas tiven que dar unha conferencia sobre a lectura. Como era dentro dunhas xornadas dedicadas á lectura de álbums, pedíuseme que engadise algunhas palabras sobre o que consideraba o meu álbum favorito.
Como todos os días me lembro del ao pasar a carón da estatua do emigrante, non tiven dúbida ningunha: o que elixín foi Emigrantes, o álbum (se é que pode entrar nesa categoría, pois tamén o podemos considerar unha novela gráfica, que ademais foi premiada en Angouleme; pero isto agora non nos interesa) que o australiano Shaun Tan publicou no ano 2006 e que a editorial Barbara Fiore puxo ao noso alcance un ano máis tarde. Se non me falla a memoria, foi Mª Jesús Fernández, a miña amiga da Coruña, quen me deu a primeira noticia sobre el.
Hai libros doados de cualificar, contamos con ben recursos para salientar a súa importancia e a súa beleza. Mais, con Emigrantes, eu renuncio a calquera tentativa dese tipo. Emigrantes acada unha dimensión artística tan grande que un non sabe que dicir. Ou si. Como escribín no meu conto “Un río de palabras”:
…cando volvín atopar un deses libros que me alborotan o corazón e me devolven a alegría de vivir. Ao rematalo, asaltoume de novo o desexo que sempre sinto neses casos: telefonar aos amigos, saír a berrar no medio da rúa, proclamalo a todo o mundo. Dicirlle á xente que non poden seguir vivindo sen ler un libro así, hai demasiada beleza nel para ignoralo.
Así me sucedeu con este libro. E así lle pasou a moita xente, se me guío polos textos de loanza que podemos ler na Rede (e que son o realmente valioso deste post, a miña recomendación é que se exploren polo miúdo).
Non tería sentido reiterar eu aquí esas loanzas. Mais si quero contar un feito que indica a riqueza de matices desta obra magna de Shaun Tan. Cando me documentaba para escribir a novela Lúa do Senegal, lin varios libros sobre a dureza da emigración e os problemas que leva aparellados. E foi en Emigrantes onde atopei unha maior riqueza de matices, malia ser un volume onde non hai palabra ningunha. Coma tal, o desconcerto que supón chegar a unha terra allea, onde a lingua, os costumes, as comidas, os edificios ou o clima son moi distintos dos da terra que o emigrante deixou atrás. Ou a dor de abandonar o país, a familia e a casa. Esa dor sobre a que Rosalía escribiu os versos máis inesquecibles.
Era lóxico atopar esa riqueza no álbum. Porque non era outra que a inmensa documentación que Shaun Tan manexou para realizar Emigrantes. Explícao moi ben o propio autor (australiano, non o esquezamos) nun texto de lectura imprescindible. E que nos axuda a entender tamén algo dos outros libros que publicou, como o emotivo A árbore vermella.
Por certo, na mesma editorial podemos atopar outro título magnífico que complementa este álbum marabilloso. Trátase de Esbozos de una tierra sin nombre. El proceso de creación de Emigrantes, onde Shaun Tan nos ofrece un completísimo making of desta súa obra.
O traballo de Shaun Tan mereceu en 2011 o Astrid Lindgren Memorial Award. En español ten unha versión da súa web oficial.