Amor e represión en Praga
Jonas Fink. 1/ La infancia
Jonas Fink. 2/ La adolescencia
Jonas Fink. 3/ La juventud
(Álbums de Vittorio Giardino. Norma Editorial, 1995, 1997, 1999)
Lin os primeiros capítulos de Jonas Fink, o personaxe creado por Vittorio Giardino, aló polo ano 1992, na última etapa da revista CIMOC. Eran os tempos en que moitas obras se publicaban primeiro seriadas en revista e logo, uns meses más tarde, en forma de álbum (coma tal, iso foi o que sucedeu con Trazo de xiz, o extraordinario álbum de Miguelanxo Prado).
Despois perdinlle a pista ao personaxe e non o recuperei ata hai algúns anos, cando merquei os tres álbums editados por Norma. Hai algúns meses vinme na necesidade de relelos, para un traballo particular, e confeso que me pareceron aínda mellores do que lembraba. Uns álbums excelentes, que merecen unha edición integral, como a que hai pouco se fixo con outra das mellores creación de Giardino, a serie ¡No pasarán!, sobre a guerra civil española.
Que nos conta Jonas Fink?
Estamos en Praga, nos anos cincuenta. Daquela, o goberno de Checoslovaquia era un satélite da URSS. O mesmo ca os outros países que quedaron baixo o seu control logo da Segunda Guerra Mundial e dos Acordos de Yalta, tiña un réxime político similar ao soviético.
Cando comeza a historia, Jonas Fink é un neno duns once anos, fillo único; o seu pai é médico, de ascendencia xudea, e a familia vive cunha certa comodidade.
Unha madrugada a policía entra na casa e leva detido ao doutor Fink, que acabará no cárcere acusado de ser un burgués reaccionario, contrario aos intereses da clase obreira.
A nai de Jonas vese na necesidade de vender os efectos de valor que posuían. A veciñanza failles o baleiro. Na escola, malia as súas boas notas, ao neno non lle permiten continuar os estudos, por ser fillo dunha persoa que non comparte os valores do réxime.
Ao facer 13 anos, Jonas comeza a traballar. O seu primeiro emprego é como aprendiz nunha empresa de construción. Meses despois, o señor Pinkel, un libreiro que coñecía ao seu pai, ofrécelle o posto de dependente na librería que posúa. Jonas, un lector voraz, acepta encantado o seu novo emprego.
Un día entra no establecemento un grupo de estudantes, entre os que está o seu mellor amigo da infancia, que lle suxire unirse a un grupo formado por varios mozos universitarios. Jonas acepta, sobre todo porque no grupo está Tatiana, unha moza rusa da que se namora desde o primeiro momento. E aquí detéñome, que non está ben estragarlles a lectura a quen teñan a fortuna de non coñecer aínda estes álbums.
A vida na Praga comunista
Non son poucos os libros e películas que nos falan da situación opresiva e da represión sufrida por quen non compartían o ideario político dos países comunistas europeos. Checoslovaquia non foi unha excepción. Tras un breve intento de goberno pluralista, en 1948 o Partido Comunista Checo dirixiu unha ocupación do goberno que conduciu a un réxime semellante ao da URSS. Unha ditadura comunista, aínda que formalmente se definise como “democracia popular”.
Só a finais dos sesenta, coa chegada ao poder de Alexandre Dubcek, se intentou crear un auténtico socialismo democrático. A que se chamou a “Primavera de Praga” rematou pola forza o 20 de agosto de 1968, cando as tropas do Pacto de Varsovia ocuparon Praga cos seus tanques e forzaron a substitución do goberno.
Vittorio Giardino nárranos a historia de Jonas ao longo de sete anos, así como a das persoas coas que se relaciona: os seus pais, algúns amigos, o profesor da escola, o fontaneiro que o acolle, o dono da libraría, o grupo de mozos no que Jonas se integra; e Tatiana, a moza rusa da que namora sen remedio.
A gran virtude desta narración reside en que, a través destas vidas, cóntasenos tamén a historia social da Praga daqueles anos. O control ideolóxico sobre a poboación, o medo a expresar as ideas propias, a represión sobre os disidentes, os libros prohibidos, a rede clandestina que traduce e distribúe exemplares manuscritos dalgúns libros relevantes, así como a vixilancia e a delación, tan semellantes á que nos mostran películas como A vida dos outros.
Algunhas secuencias son antolóxicas, como a asemblea dos membros do partido tras coñecerse as revelacións de Kruschev sobre Stalin en 1956, ou a reunión do grupo de estudantes no medio dun campo nevado.
A arte de Vittorio Giardino
Vittorio Giardino é un autor que poderiamos adscribir á chamada “liña clara”, propia da escola franco belga, da que Hergé, o creador de Tintín, é o seu representante canónico. O de Giardino é un debuxo realista, amplamente documentado, onde os ambientes e o vestiario cumpren tamén unha importante función narrativa. Nunha interesantísima entrevista do ano 2009, explica o sentido do seu traballo cunha claridade admirable:
As miñas páxinas están construídas sobre todo desde un punto de vista narrativo. Por exemplo, coido máis a primeira e a última viñeta dunha prancha porque cando se pasa a páxina é coma se houbese unha pausa na lectura, como o fundido no cine. É evidente que hai tamén un mínimo de construción gráfica, pero o meu obxectivo principal non é facer páxinas fermosas, senón eficaces. (…)
Unha vez ben identificados que momentos das escenas vou mostrar, vén unha segunda fase de elaboración: decidir onde poñer o obxectivo da cámara (…). Eu non empezo dividindo a páxina rectangular en cadriños que me parezan bonitos e que despois encho, senón que fago xustamente ao revés: parto sempre das escenas e despois vexo o modo de facelas encaixar na páxina final. (…)
Unha banda deseñada, pola súa propia natureza, non pode centrarse demasiado nas palabras, non se pode permitir grandes descricións ou grandes monólogos interiores que tanto abundan na literatura e, polo tanto, ten que acadar resultados análogos con outros medios. Un destes medios é o coidado dos detalles.
En resumo: Jonas Fink é un deses cómics que engrandecen o xénero e contribúen a desfacer os prexuízos que aínda pesan na recepción deste medio narrativo. Unha mostra magnífica do chamado “cómic de autor”, que abraia polo engado da historia e polas efectivas ilustracións. Un agasallo para calquera! E, xaora, un título imprescindible en toda biblioteca de Secundaria.
(Todas as ilustracións, incluída a principal, pertencen aos álbums de Jonas Fink)