Non convén chorar máis

Sombra do aire na herba  (Luis Pimentel, 1959)

Lin este libro no inverno de 1969, durante os meses en que o goberno de Franco impuxo un estado de excepción en toda España. Daquela eu facía as prácticas das milicias no Cuartel de Cabalería de Garabolos, en Lugo. E púideno ler porque mo prestou unha boa amiga, que tiña acceso ao exemplar que posuía o seu avó.

Non me resulta doado explicar a idea seguinte, confío en que se entenda ben. Unha persoa que se enfronte hoxe á obra de Luis Pimentel vai facelo, con toda probabilidade, a través dalgunha edición anotada e con estudo previo. E, se pasou polas aulas hai poucos anos, seguramente o identificará cun deses autores que había que estudar (pero non ler) no bacharelato.

Mais cando eu o lin nada disto ocorría e o achegamento a un libro galego tiña connotacións especiais. Dada a precariedade da edición en galego, cando se publicaba un libro a tiraxe era curta e non adoitaba reeditarse, sobre todo se era de poesía. Así que, nos anos en que comecei a interesarme pola literatura en galego, había libros míticos e inencontrables, que un devecía por ler. Coma tal, Longa noite de pedra (que lin nese mesmo inverno na biblioteca da Deputación de Lugo), ou Nimbos, ou Os Eidos, ou calquera dos títulos de Cabanillas.

Lin Sombra do aire na herba na edición que Galaxia publicara en 1959, da que reproduzo aquí a portada. E lino coa sensación de descubrir un tesouro agochado, un froito clandestino, un deses libros ao alcance só duns poucos iniciados.

Fiquei emocionado con aquela poesía tan distinta ao que lera ata daquela, e varios dos poemas copieinos a man nun caderno, como fixera tamén cos de Celso Emilio ou cos do Advento de Manuel María, outro libro que lin naquel inverno.

Algúns dos poemas de Pimentel foron musicados, e podemos escoitalos na Rede. Dous dos que copiei naquel caderno, reprodúzoos agora aquí:

A Rosalía

Non convén chorar máis.
Ela chorou por todos e para sempre.
Calemos…
Eu véxote así:
crespós nas estrelas,
ollos abertos de nenos mortos cravados nas salas do pazo

Calemos…
Nos currunchos acendéronse os altares do silenzo;
choiva de frores de estameña nos tristes pasadelos.
Coa túa boca torta chamas a mortos
e náufragos dende a solaina,
antre a brétema, en serán infinda.

Delantal de camposanto e campás antre mar e brétema;
barco negro e morto no camiño;
pómulos marelos deformes pola door;
balcón endexamais aberto cheo de paxaros e follas secas;
seios exprimidos hasta a derradeira gota de luz;
maos antre mirto e lúa, debaixo da auga verde do estanque.

¿Qué fas na serán que está esmorecendo sempre
ou na noite que endexamais se rematará?

Sin corpo, sin traxe, sin bruído,
coroa de sombras, música de pianos enloitados…
(Chove sobor das rosas e da escalinata do pazo.)

 

Xogo ruín

Aquel neno

pincháballe os ollos

ós paxaros;

e gustáballe ver saír

esa gotiña

de aire e de luz,

ese rocío limpo

de mañanciñas frescas

…………………………

Logo botábaos

a voar

e ríase de velos

topar contra o valado

da súa casa,

con un ruído

moi triste.

………………….

Creceu e foi de aqueles.