Grupo Salvaxe
The Wild Bunch (Sam Packinpah, 1969)
Vin por primeira vez esta película un sábado do mes de marzo de 1970, no cine Novedades de Barcelona, unha sala de estrea que xa non existe. Volvina ver dous ou tres días máis tarde, e recunquei na seguinte fin de semana, na compaña dunha boa amiga coruñesa. Moi poucas veces experimentara tal entusiasmo por un filme, era raro saír dunha sala tan fascinado e conmovido, coa conciencia de que acababa de asistir a unha proxección que nunca podería esquecer.
O desexo de vela unha vez e mais outra obedecía tamén ao feito de que, nuns tempos onde non había vídeo nin nada semellante, quería deixala ben fixada na memoria. Por fortuna, pouco tempo despois, a revista Film Ideal editou un número dobre onde viña o guión completo da película de Sam Peckimpah. Alí estaba a posibilidade de reler os diálogos e revivir as escenas a través deles. Por certo, onde metería eu esta revista que non a dou atopado?
Naquelas datas eu non vira aínda as anteriores películas de Peckimpah (Duelo en la Alta Sierra e Mayor Dundee), mais non perdín ningunha de todas as que viñeron despois: La balada de Cable Hogue, Perros de paja, La huida ou Pat Garrett & Billy the Kid, co «Knockin’ on Heaven’s Door» de Bob Dylan como pano de fondo.
Por que me segue a fascinar Grupo Salvaxe? Andan pola Rede numerosas análises desta película, para quen desexe coñecer as múltiples facetas que garda. Pola miña parte, direi que visualmente me parece unha marabilla, que consegue unir violencia e lirismo nunha mesma secuencia, que os actores fan un traballo excepcional (William Holden e Esnest Borgnine son inesquecibles), que reflicte un xeito de entender a vida, onde a amizade e a lealdade son esenciais, que aborda os grandes temas (a vellez, a morte, o amor, o destino…) cun enfoque orixinal…
Como esquecer algunhas escenas? Os nenos xogando a meter un alacrán nun formigueiro e, cando o animal xa sucumba, prenderlle lume a todo. A despedida que lle fan ao grupo na aldea mexicana, mentres soa “La Golondrina”. A camiñada que se pode ver no vídeo que precede estas liñas, cando toman a decisión de liberar o seu compañeiro preso, malia seren conscientes de que son os seus pasos derradeiros e só os agarda a morte… E, xaora, as secuencias dos enfrontamentos inicial e final.
E hai diálogos que acabaron sendo míticos para min, como aquel en que, durante unha discusión, Pike (W. Holden) lle di a Dutch (E. Borgnine): «Dei a miña palabra!» E Dutch responde, con paixón: «A palabra non importa. O que importa é a quen se lle dá!»
Que sorte, podérmola ver en versión orixinal! A edición en DVD inclúe, ademais, os anacos que a censura (da ditadura ou da produtora, non sei ben) nos impediu coñecer no seu momento. Hai películas que un non cansa de ver;Grupo Salvaxe é unha delas.