Entrevista de Montse Dopico con Agustín Fernández Paz sobre «Non hai noite tan longa». Galicia Hoxe

A xornalista Montse Dopico publicou en Galicia Hoxe unha entrevista con Agustín Fernández Pazsobre Non hai noite tan longa. Reproducímola integramente:

Consentemento e resistencia

Agustín Fernández Paz retrata a miseria moral da sociedade das últimas décadas do franquismo en «Non hai noite tan longa», a súa primeira novela non editada nunha colección de LIX

A miseria moral dunha sociedade hipócrita, clasista e demasiadas veces sumisa ante o poder, a das últimas décadas do franquismo. Pero tamén os xeitos de resistencia, a loita por preservar a dignidade nun medio hostil, o da ditadura. Son alicerces de “Non hai noite tan longa”, (Xerais), a última novela de Agustín Fernández Paz.

A novela conta o reencontro de Gabriel, o protagonista, co seu pasado, coa historia da súa familia. Pero máis que nada parece que o obxectivo da novela é retratar o que en varias ocasións se define como “miseria moral” daquela sociedade…

O libro ten unha historia que vertebra o que se quere contar, pero do que se trata é de botar unha ollada crítica, moral, sobre a época na que a miña xeración era nova, nos anos 60. E esa é unha das regras da boa novela negra clásica. Dashiell Hammett desenvolve unha trama nas súas novelas, pero en realidade estanos falando de cuestións como a corrupción.

 

Pero considera o seu libro unha novela negra? Exemplo desa miseria moral que retrata é como se condena socialmente as mulleres violadas…

É unha obra con elementos de novela negra. Esa indagación moral, sobre todo, e xa non só o feito de que haxa unha investigación sobre un caso, o do pai do protagonista, encarcerado por un delito que non cometera. Houbo moitas mulleres coma Berta, violada e obrigada polos seus propios pais a calar, a ocultalo, porque se as culpaba dese acto de violencia de xénero dicindo que eran “lixeiras de cascos” e ese tipo de cousas.

O libro olla a abusos de poder como o dos gardas civís que torturan para sacar falsas confesións. En varias ocasións parece aludir a cousas que pasaron, e que seguen a pasar na actualidade…

A novela contrapón dúas épocas, a de cando Gabriel era mozo, e a época máis actual, o 2002. A intención era reflexionar, si, sobre aquela época, pero tamén sobre o tempo presente.

Na traxectoria da familia de Gabriel, anarquista e republicana, pode recoñecerse a de moitas…

O azar, que é moi potente, trouxo nos últimos días ás miñas mans dous libros,Éxodo de Silvia Mistral e outro de Xesús González Gómez, que falan sobre os republicanos que se exiliaron en Francia, acabaron nun campo de concentración, ou se uniron ós maquis… Documenteime moito para escribir este libro. As historias de vida teñen puntos en común…

O obxectivo de Gabriel é restaurar a dignidade de seu pai, porque “a dignidade non prescribe”. E dalgún xeito reconcíliase co seu pobo.

Gabriel actúa por mandato de seu pai, que se lle aperece despois de morto. O lector pode interpretar que é unha pantasma, ou que unha trasposición da mala conciencia, do sentimento de culpa de Gabriel por ter abandonado a súa familia. A ferida non era só da súa familia, era del, que comeza tendo unha visión moi aceda sobre o seu pobo, para despois evolucionar cara a unha óptica máis comprensiva. Ve que houbo vítimas, e xente que se deixou ir, consentidores como di a historiadora Ana Cabana…

Cita vostede, de feito, a esta historiadora e o seu traballo sobre o consentimento, e a resistencia como a outra cara do mesmo.

Cito a Ana Cabana e a outros. Non citei todo o que lin para escribir esta novela porque non viría a conto, prefiro a técnica dos escritores anglosaxóns que escollen unhas poucas referencias. Gabriel fuxira do seu pobo, cheo de xenreira polo que lle estaban a facer a seu pai. E decidira non volver nunca, de feito non o fixera en trinta anos, ata que lle morre a nai. Cando volve, decátase de que hai todo tipo de xente, coas súas debilidades, e que tamén houbo moita xente que resistiu como puido. E foi así como foi, na ditadura, en Galicia e en toda España.

Xunto a Gabriel hai personaxes secundarios importantes…

Os personaxes secundarios son moi importantes nas miñas novelas. Moitas veces quedo con ganas de darlles máis vida, pero se o fixese a novela descalabraríase. Nesta novela podería falar moito máis sobre Berta, ou sobre Milucha. A través da segunda falo sobre a represión sexual das mulleres, da que ela puido liberarse, ó contrario de moitas outras…

O Fonsito tamén é un personaxe interesante, aínda que só aparece ó final da novela. Supoño que non é casualidade que sexa de clase alta.

Non quixen facer unha novela de bos e malos, hai unha ambigüidade consciente coa que lector se ten que manexar. Non quixen deixar todo atado e ben atado. O lector ten que deducir por que o pai de Gabriel acaba no cárcere, que fallou. E, si, quixen retratar a connivencia das clases altas co franquismo, e a impunidade que chegaban a acadar. Familias que manteñen a súa posición na escala social ata a actualidade. Eu creo que a novela pode retratar unha época mellor que o documental ou un libro de historia.

IDIOMA

“Confiemos en que Negreira respecte a Lei de normalización”

Cando escribiu a novela era consciente de estar facendo un libro para adultos, no canto de literatura infantil ou xuvenil?

Realmente non. Escribín esta novela igual cás outras. E foi máis ben proposta do editor. Outras veces negueime, pero desta volta quixen probar a ver que recepción tiña, e está a ser boa.

Hai pouco estivo no acto dos 20 anos da Coordinadora de Equipos de Normalización Lingüística. E denunciou que o Goberno tenta baleirar de significado a normativa sobre a lingua…

Utilicei como metáfora as coleccións de ovos de paxaro que faciamos cando eramos nenos. Sacabámoslle ó ovo a clara e a xema e quedabamos coa casca. Pois o mesmo está a pasar coa lexislación lingüística. Só os nenos galegofalantes poderán ter ó final da educación obrigatoria un mesmo nivel de dominio do castelán e do galego.

Participou como membro de Prolingua nun acto no que se anunciaron medidas se os gobernos non respectan a Lei de toponimia. A ver que pasa agora co goberno de Carlos Negreira na Coruña…

Non o sabemos. Pero confiemos en que respecte a Lei de normalización.

Moito premio recibe. Foi nominado para os Andersen, seleccionado pola Dalkey Archive Press…

Iso é porque son maior. Sempre son de agradecer os premios… agás algún caso particular… -refírese ó Premio da Cultura Galega, que rexeitou como modo de protesta contra a política cultural e lingüística do actual Goberno-. E non me preguntas pola foto de portada, na que sae Rosa Parks, a muller que non lle cedeu o asento no autobús a un branco porque estaba “farta de ceder”. Martin Luther King escribiu sobre ela. O Movemento polos Dereitos Civís ten aínda moito que ensinarnos: a non violencia, a protesta… e o movemento do 15-M ten que ver con isto, aínda que estea menos organizado.

Montse Dopico