Un lugar no mundo

UN LUGAR NO MUNDO

(publicado na revista GPS, nº 1, 2008)

Pasoume hai uns días, no avión que me traía de Bilbao despois de dúas xornadas intensas co alumnado de lingua galega nas universidades de Deusto e de Vitoria. Eu ía lendo Tras do solpor, a edición galega da última novela de Haruki Murakami, e, dúas filas máis adiante, outra persoa lía tamén un libro do autor xaponés. Como era unha edición en alemán e o deseño da portada non me daba pista ningunha, non puiden saber de que novela se trataba. Tanto tiña; o relevante era que alí estabamos os dous, nese estraño espazo-tempo que son as viaxes en avión, cada un lendo a Murakami na súa lingua, malia estarmos moi afastados do Xapón onde se desenvolven as historias do autor de Kafka na beiramar.

O feito pareceume a constatación dunha evidencia: calquera texto, se nel latexa a vida, se nace dunha mirada profunda e auténtica, é sempre universal. Tanto ten o lugar onde sucedan os feitos ou a lingua en que foi escrito. As boas historias non saben de fronteiras, e as persoas lémolas e facémolas nosas guiadas por esa necesidade básica que debe estar inscrita no ADN da humanidade e que tan ben soubo expresar Álvaro Cunqueiro: “o home precisa en primeiro lugar, coma quen bebe auga, beber soños”.

A anécdota da viaxe era tamén un novo vimbio que se viña sumar a outros, coincidentes todos na necesidade de actualizar o programa que, hai case cen anos, os homes de Nós deseñaron naquel momento fundacional da cultura

galega moderna: Galicia, célula de universalidade. A cultura galega como unha peza máis do mosaico mundial das culturas, dialogando en pé de igualdade con todas as outras pezas. Pois se Murakami escribe en xaponés e ten polo mundo milleiros de lectores que seguimos a súa obra a través das traducións, o mesmo pode ocorrer cos libros escritos no noso país. Un libro enchoupado de vida e de verdade, calquera que sexa a súa modalidade xenérica, ten que lle interesar a múltiples persoas de toda a periferia mundial. Tamén os nosos, desde Arraianos de Ferrín ata o Libro das viaxes imaxinarias que veñen de publicar Docampo e Cobas, pasando por Os libros arden mal de Rivas e tantos títulos máis que poderiamos citar.

Antes falei doutros vimbios. Coma tal, o Encontro que nos reuniu a un grupo de persoas en Mariñán para debater arredor da proxección exterior da cultura de noso. Ou o Simposio sobre o libro e a lectura, da Asociación Galega de Editores, arredor do mesmo tema. Ou un post esencial (17-XI-08) de Arturo Casas (http://landoa.blogspot.com), onde dá conta da súa achega ao citado simposio, en liña con outras propostas que Manuel Bragado vén deixando desde hai meses en Brétemas. Por riba, o 29 de novembro estaremos en Ourense para homenaxear a Marcos Valcárcel, anovador dos azos de Nós a través d’As uvas na solaina, ese foro imprescindible: coas raíces na terra e abertos a todos os ventos do mundo. Pois non é só o lugar, senón a mirada, quen nos define. Como dicía Octavio Paz, “pódese ser universal nunha aldea dos Andes, pódese ser provinciano no centro de New York”.

“Un artista nunca é periférico”, gústame afirmar, parafraseando a Stéphane Audran do filme danés O festín de Babette. Vale para calquera modalidade de creación, mais háseme desculpar que a concrete na escritura, o campo que mellor coñezo. Cando escribimos, o centro do mundo está encol da nosa mesa de traballo. Creamos os textos cos fíos da vida, unha vida que se nutre da sociedade onde vivimos, a local e a global. Escribimos desde aquí, desde o noso centro do mundo; mais, tal como a pedra que ao caer enche de ondas a superficie da auga, buscamos que nos lean as persoas máis próximas e as de toda a periferia mundial. As máis achegadas primeiro, xaora; son os lectores privilexiados que nos han ler na lingua de noso. Mais logo, coma as ondas da auga, desexamos que os nosos textos cheguen tan lonxe como a súa calidade llo permita.

E aquí entran os vimbios dos que antes falaba. Porque eses textos, agás excepcións puntuais, aínda teñen serias dificultades para chegar aos lectores doutros espazos culturais e a unha significativa porcentaxe da cidadanía do noso país. A economía e a política do pasado situáronnos durante moito tempo nunhas periferias culturais e lingüísticas que hoxe nos negamos a aceptar. Por iso cómpre deseñar a necesaria proxección exterior, e os camiños que os gobernos e as institucións deben abrir, con todos os axentes culturais. E, ao tempo, derrubar os valados que aínda ten o libro galego en Galicia, recluído nalgunhas librarías, se é que está, en currunchos que lembran a aldea de Astérix na Galia romana.

A difusión interior e a exterior son dúas pólas da mesma árbore, que só medrará con plenitude cando fagamos realidade o soño dos homes de Nós: sentírmonos orgullosos do noso lugar no mundo e vivirmos abertos aos múltiples camiños –os físicos e os virtuais- que nos comuniquen coa rica biodiversidade cultural desta casa común que é o noso planeta.

Agustín Fernández Paz

Descargar PDF completo: un-lugar-no-mundo