«Ordet»: un milagre cinematográfico
Ordet (1955), de Carl Theodor Dreyer
Debía de ser o ano 1964, non o sei con exactitude. Eu estaba interno na Universidade Laboral de Xixón, que contaba cunha sala de cine magnífica e cunha pantalla de grandes dimensións. Tiñamos proxección todos os domingos; unha película das do circuíto comercial, era un dos mellores momentos da semana. Tamén tiñamos cine os xoves pola tarde, pero ese día adoitaban proxectar tres ou catro documentais sobre os temas máis variados.
Unha tarde sucedeu un feito extraordinario. Avisáronnos de que ía haber unha proxección especial (unha película “distinta”, en versión orixinal) e que eramos libres de asistirmos ou non. Alá fun, xaora: por rara que fose, era unha película e pagaría a pena vela.
Con todos acomodados nas butacas, un dos xesuítas (non lembro quen) informounos de que iamos ver unha película danesa, que se chamaba Ordet (A palabra) e que estaba falada en danés. Era unha copia que tiña subtítulos en francés e, para podérmola seguir, unha muller ía estar, micrófono en man, traducíndonos ao castelán os subtítulos a medida que aparecían na pantalla.
E así foi como vin por ver primeira a extraordinaria Ordet, de Carl Theodor Dreyer, un dos grandes directores europeos.
Eu daquela non sabía nada del, tardaría anos en ver outras obras súas, como Gertrud, a inesquecible A paixón de Xoana de Arco ou Vampyr. E tampouco non sabía que Ordet acadara o León de Ouro á mellor película no festival de Venecia de 1955. Tanto tiña: malia ser a primeira vez que me enfrontaba a unha película subtitulada, malia a voz daquela muller resoando na escuridade da sala, as imaxes causáronme unha conmoción interior, pois eran diferentes a todo canto vira ata daquela e posuían unha forza que as facía próximas e verdadeiras.
Supoño que quen organizou aquela proxección (como conseguirían a copia?) o fixo en boa medida porque se trataba dunha película que aborda un tema relixioso e que ten como secuencia central o milagre dunha resurrección, unha marabilla. Como di o crítico José Antonio Souto, “A súa harmonía artística, a súa profunda carga poética, unidas á súa capacidade de emocionar, elévaa á categoría de milagre cinematográfico. É inútil expresar en palabras aquilo que a película mostra coas súas fermosas imaxes.”
Mais o que quedou para sempre na miña cabeza non foi o argumento (cunha intensa historia de amor) nin as cuestións teolóxicas que nel se dilucidaban. Non; o que aínda permanece dentro de min é a imaxe da herba varrida polo vento ou unha voz a chamar polo protagonista: “Johannes!, Johannes!”, mentres a pantalla nos amosa as paisaxes esgrevias e venteadas do rural danés.