Fantasmas en Comala
PEDRO PÁRAMO, de Juan Rulfo (1955)
Lin esta novela no ano 1973, cando a editorial Planeta publicou unha edición que contiña os dous grandes libros do mexicano Juan Rulfo: Pedro Páramo e El llano en llamas. Era unha edición económica, algo esencial naquel ano da miña vida, e non había prólogo nin nota ningunha que achegase algunha información sobre o texto. Así que a miña lectura foi como a da experiencia que García Márquez contou logo nun brillante texto sobre Rulfo:
En ésas estaba, cuando Álvaro Mutis subió a grandes zancadas los siete pisos de mi casa con un paquete de libros, separó del montón el más pequeño y corto, y me dijo muerto de risa: »Lea esa vaina, carajo, para que aprenda»; era Pedro Páramo. Aquella noche no pude dormir mientras no terminé la segunda lectura; nunca, desde la noche tremenda en que leí «La metamorfosis» de Kafka, en una lúgubre pensión de estudiantes de Bogotá, casi 10 años atrás, había sufrido una conmoción semejante. Al día siguiente leí El llano en llamas y el asombro permaneció intacto; mucho después, en la antesala de un consultorio, encontré una revista médica con otra obra maestra desbalagada: La herencia de Matilde Arcángel; el resto de aquel año no pude leer a ningún otro autor, porque todos me parecían menores.
Eu xa tiña algunha información sobre Juan Rulfo, xaora, pois aparecía citado sempre entre os precursores do boom latinoamericano, que daquela estaba nos seus anos mellores (mais non sabía nada da súa faceta de fotógrafo). Cien años de soledad (que lin en 1970 en Barcelona, na primeira edición da Editorial Sudamericana, grazas as mans amigas de XGG) ou La ciudad y los perros deixáranme entusiasmado, mais non había nelas a complexidade e a fondura que posuía a novela de Juan Rulfo. Que tamén me esixiu máis dunha lectura, malia a súa aparente sinxeleza.
Que hai en Pedro Páramo?
Para comezar, o mesmo que n’A Metamorfose, hai unhas liñas iniciais irresistibles, desas que nos anuncian que entramos nunha obra maior:
Vine a Comala porque me dijeron que acá vivía mi padre, un tal Pedro Páramo. Mi madre me lo dijo. Y yo le prometí que vendría a verlo en cuanto ella muriera. Le apreté sus manos en señal de que lo haría; pues ella estaba por morirse y yo en plan de prometerlo todo.
O que segue é unha narración de argumento aparentemente sinxelo: Juan Preciado, o protagonista e narrador, obedece o mandato da súa nai e viaxa a Comala, unha vila do México rural. Atopa a vila case deshabitada, tan só encontra algunhas persoas que saben da súa chegada e que lle dan as primeiras informacións sobre Pedro Páramo (o cacique da bisbarra, nos tempos en que a vila era próspera). Naquela soidade, axiña comeza a escoitar murmurios (Los murmullos foi o título que Rulfo pensou para a novela), voces que dun xeito desordenado lle van achegando noticias da súa nai, de Pedro Páramo e doutras persoas que viviron naquel tempo.
Non debo contar máis, sería estragarlles a lectura a quen teñan a fortuna de non coñecer aínda este libro: a miña recomendación é que o lean sen moita información previa.
Do que si debo falar é da súa estrutura, o maior achado do libro. A novela consta de setenta fragmentos de desigual extensión, setenta anacos que non seguen unha orde cronolóxica. A persoa que le Pedro Páramo debe reordenalos coma nun crebacabezas ata completar o cadro de conxunto. Unha actividade apaixonante, dou fe.
Para un galego coma min, que fun neno nos anos cincuenta, cando Rulfo o escribía, o libro posúe un engado que o fai máis fascinante: na Galicia da época, as ánimas tiñan unha intensa presenza na vida das persoas. A vida e a morte coma un territorio continuo onde as fronteiras eran febles e doadas de traspasar. Coma en Comala, os fantasmas tamén camiñaban de par de nós.
Pedro Páramo na Rede
Buscando os enlaces máis axeitados para este post, batín coa inmensa riqueza da Rede. Hai múltiples textos que analizan e comentan a novela (mesmo encontrei un onde se analiza a novela aplicándolle a teoría dos rizomas de Gilles Deleuze). Podemos ler o libro enteiro (cun moi bo prólogo de Jorge Volpi), escoitar algúns anacos na voz do autor ou mesmo escoitalo en forma de radionovela ou de audiolibro.
Con todo, hai un de grande interese para calquera galego: o que nos leva á película que Carlos Velo fixo en 1966 sobre a novela do seu amigo Rulfo, unha empresa que parece case imposible, pois non é nada doado traducir Pedro Páramo á linguaxe cinematográfica. Carlos Velo! Unha das grandes figuras da cultura galega do século XX, cineasta de alto interese (moito me impresionaron algúns dos seus documentais). Exiliado en México, foi un dos promotores da mítica revista Vieiros, da que tomou o nome o primeiro portal galego que houbo en Internet. Carlos Velo, o realizador do documental Galicia no ano 1935, antes de que a sublevación militar o obrigase a se exiliar. Que familiares lle tiñan que resultar as ánimas de Rulfo, os fantasmas de Comala!
Velaquí Pedro Páramo, a película de Carlos Velo (1966)