E todos, todos se van

Stefano, de Mª Teresa Andruetto  (Galaxia, 2010 / Ediciones SM, 2010)

Unhas palabras sobre a autora

Lin esta novela ao pouco de aparecer publicada en España (a edición orixinal arxentina é de 1997). Primeiro coñecín a versión galega editada por Galaxia, traducida por Ánxela Gracián. E pouco despois souben da edición en castelán de SM, que lin fascinado, como xa me ocorrera coa versión galega.

O meu primeiro coñecemento da escritora arxentina María Teresa Andruetto, malia saber que tiña unha ampla obra narrativa e poética, só moi parcialmente publicada en España, foi a través dos seus traballos sobre a promoción da lectura e da escritura entre a infancia e a mocidade, especialmente no ámbito escolar. Con ela, ocorreume o mesmo que co inglés Aidam Chambers: lendo os seus escritos tiña, e teño, a sensación de que as ideas e as prácticas que defendo sobre a promoción da lectura aparecen reflectidas de forma maxistral nos seus textos. Supoño que terían unha sensación semellante todas aquelas persoas ás que me sinto unido (en Galicia, en España, en Latinoamérica)  neste obxectivo fundamental que é a revolución da lectura como vía para unha sociedade democrática.

A obra literaria de María Teresa Andruetto acadou un amplísimo recoñecemento internacional. No ano 2009 obtivo o Premio Iberoamericano SM de Literatura Infantil e Xuvenil e no ano 2012, o Premio Andersen que o IBBY concede cada dous anos. Cando lle foi entregado, pronunciou un discurso que paga moito a pena ler. Quen desexe saber máis sobre ela, encontrará ampla información na Rede (agradecemento especial á imprescindible revista Imaginaria). Tamén na súa propia voz, como podemos ver neste vídeo:

 

A emigración incesante

Mais do que nos toca falar hoxe é do seu Stefano. Non contarei case nada do argumento, que desenvolve un tema esencial tamén na historia de Galicia: a emigración aos países americanos nas primeiras décadas do século XX.

Chega con narrar a situación inicial: nunha aldea do sur de Italia viven Stefano, un  adolescente, e Agnesa, a súa nai viúva. Instalados na pobreza máis extrema, en Stefano agroma a idea de emigrar a América, seguindo os pasos de tantos mozos que abandonaron Italia, e Galicia, nas primeiras décadas do século pasado. Ao facer dezaseis anos, Stefano, xunto con outros mozos da bisbarra, embarca rumbo a Bos Aires.

Canta vida pode conter unha novela que non chega nin as cen páxinas! Ao lermos Stefano, é inevitable lembrar a metáfora do iceberg, que adoita atribuírse a Hemingway. En esencia, dino que toda boa novela é como un iceberg. O que lemos son só as 2/5 partes visibles, mais por baixo da superficie ocúltanse as 3/5 partes restantes, a gran masa de xeo que sostén todo o conxunto.

Esta idea adquire sentido pleno na novela de María Teresa Andruetto. Por debaixo dun texto que combina fragmentos de aparencia documental con outros de intenso lirismo, discorre un poderoso río subterráneo que alimenta os múltiples camiños que a novela nos ofrece.

Está, por riba doutros, o drama da emigración. A pobreza, a inxusta estrutura social, o atraso… As causas que forzaron a emigrar a Arxentina a un gran número de persoas do sur de Italia, de Grecia,  de Galicia e Asturias, así como a xudeus dos países da Europa do este. As persoas que forman as raíces da Arxentina actual, onde os apelidos da poboación reflicten e lembran as terras de orixe.

(Vídeo sobre a emigración a Arxentina. É a primeira parte de tres. As outras dúas, aquí e aquí)

Disto, e da dura loita pola supervivencia no país de adopción, é do que nos fala a novela de Mª Teresa Andruetto. A autora faino do xeito en aparencia máis sinxelo: narrando a historia dunha vida, que se erixe en paradigma de moitas outras. Un tema da maior vixencia nesta Europa que ergue valados mortíferos para conter o imparable: a fuxida da pobreza e a ansia dunha vida mellor por parte da poboación de tantos países de África.

Stefano: unha alfaia

Stefano, o mozo protagonista, experimenta a dor da marcha, a amargura do desarraigamento, a dura adaptación a un novo país, a unha nova vida. A música, as cancións da terra que deixou e o idioma familiar serán algúns dos seus puntos de apoio na travesía vital. Coñeceremos o seu itinerario sentimental, as súas relacións con Lina e Tersa, ambas insatisfactorias, e o permanente remorso de saber que deixou soa á nai e que nunca volverá vela. E, por riba, a inquietude e o desacougo, a procura obsesiva dunha estabilidade emocional que só chegará cando o azar o decida.

Se a trama é rica en temas e matices, non o é menos a estrutura narrativa que a autora constrúe para contárnola. A novela preséntasenos coma un puzzle, unha sucesión de breves fragmentos nos que se alternan dúas voces narradoras (unha en terceira persoa, omnisciente; outra en primeira persoa, a de Stefano). Fragmentos que ao primeiro non sabemos ben como situar, porque a estrutura temporal non é lineal; mais, aos poucos, imos  adiviñando  os perfís do conxunto. As derradeiras pezas constitúen un final perfecto para esta novela inesquecible. Amargura e lirismo, paixón e tenrura, desarraigamento e amizade, soidade e amor: un xogo de contrastes que enriquece un texto onde non sobra nin a máis pequena palabra. Que gozo, podelo ler!