Contos mínimos (5)

UN CONFLITO TEOLÓXICO

Contemplei o corpo que durmía ao meu carón, tan fermoso e perfecto que nin as mellores metáforas de Valente ou de Neruda alcanzarían a describilo. Ollei logo a través da fiestra entreaberta: xa anoitecera, achegábase o momento de regresar á miña casa.

As horas que viña de compartir con Ana, aínda máis intensas e apaixonadas que outras tardes, anegáranme de felicidade. Mentres buscaba inutilmente as palabras que me permitisen describir aquel tempo de éxtase compartido, lembrei as prédicas dos meus anos infantís, cando no catecismo nos reiteraban que o ceo era a felicidade eterna: o goce máximo ao longo dun tempo infinito. Mais o ceo era estar a carón de Ana, esa era unha certeza que sostiña a miña vida. Por que, entón, me dixeran que era eterno e persistiran nun engano así durante tantos anos?