Contos mínimos (4)

           A VIXENCIA DOS PRESOCRÁTICOS

Ninguén se baña dúas veces no mesmo río, deixou escrito Heráclito de Efeso nun dos seus célebres fragmentos, hai xa máis de dous mil anos. «Calquera sabe que circunstancias levaron ao filósofo a escribir tal aforismo, pero poucas veces lin palabras tan xuizosas. Neste río eu non me volvo meter máis, nin nesta nin en reencarnacións futuras», pensaba eu, mentres coa toalla trataba inutilmente de eliminar a parda película de graxa que recubría por completo a miña pel. «Ás veces», reflexionei con melancolía, «é desmesurado o prezo que nos obrigan a pagar polo progreso».

Fronte a min, alleas ás miñas preocupacións filosóficas, as turbias augas do Lagares seguían teimudas o seu camiño cara ao mar.