«Popotitos»: cancións para un tempo gris
Popotitos, de Los Teen Tops (1960)
Debeu de ser polo ano 1963. Eu estaba interno na Universidade Laboral de Xixón e, como xa contei máis veces, a un bo grupo de compañeiros gustábanos moito a música dos grupos musicais que comezaban a saír; en realidade, calquera conxunto que usase guitarras eléctricas: The Shadows, The Sputniks ou os cantantes de rock and roll que comezaban a chegar dos EE. UU., desde Elvis Presley a Chubby Checker, pasando por Little Richard ou Jerry Lee Lewis. E, xaora, The Beatles, que supuxeron unha revolución que xa lembrarei máis adiante.
A carón de todos eses grupos que cantaban en inglés, tamén había algúns españois que iniciaban a súa andaina. E axiña comezaron a escoitarse na radio as cancións dun conxunto mexicano que non tardou en se converter nun dos nosos favoritos: Los Teen Tops. Daquela tiñan como cantante a Enrique Guzmán, que logo abandonaría o grupo e faría unha longa carreira en solitario.
O que facían os Teen Tops, principalmente, eran versións en castelán dos grandes éxitos do rock and roll: Rock de la Cárcel (Jailhouse rock de Elvis Presley), Confidente de Secundaria (High School Confidential de Jerry Lee Lewis), La Plaga (Good Golly Miss Molly, de Little Richard…
Non preciso dicir que tiveron éxito inmediato entre nós. E, aínda que tamén nos encantaba Presumida, o seu gran hit, con diferenza, foi a canción Popotitos. Un tema que se popularizou aínda máis cando Mike Ríos (así se chamaba daquela Miguel Ríos) a gravou nun dos seus primeiros EP.
Máis tarde, ben máis tarde, souben que Popotitos tamén era unha versión doutro gran éxito do rock and roll: Bony Moronie (1957), un tema que fixera popular Larry Williams.
En España, moitos dos grupos que nacían daquela incorporaron Popotitos ao seu repertorio. E foi unha sorpresa magnífica atopala no LP Rock ‘n’ Roll que John Lennon gravou con temas clásicos en 1975.
Co paso dos anos, confirmei o que xa sospeitabamos daquela: as letras das versións en castelán diferían moito das orixinais en inglés. As abondosas referencias sexuais e os xogos de palabras relacionados co sexo non tiñan cabida nas versións en castelán. Deste xeito, o potencial de subversión dos costumes que tivo o rock and roll quedaba anulado por unhas letras que podían pasar a censura máis rigorosa.
Mais o poder evocador das cancións é moi grande. Aínda hoxe, cando escoito no Spotify o Popotitos dos Teen Tops algo se me remexe por dentro e por uns minutos volvo entusiasmarme cunha canción que nos alegrou a vida naqueles tempos grises da España dos primeiros anos sesenta.
Para rematar: moitos anos despois, Miguel Ríos e Enrique Guzmán puideron cantar xuntos o gran éxito da súa mocidade. Velaquí:
(Na imaxe principal, Elvis Presley nun dos concertos dos primeiros anos sesenta)