As falanxes da Orde Negra
Las falanges del Orden Negro, de Pierre Christin e Enki Bilal
Entre 1975 e 1983, o guionista francés Pierre Christin e o debuxante bosníaco Enki Bilal elaboraron un conxunto de álbums de forte contido político, agrupados co título «Lendas de hoxe», todos eles de moi alta calidade. As Falanxes da Orde Negra (1979) é un deses álbums.
Eu lino por entregas no ano 1982, na revista Vértigo, que era mensual e que só durou doce números. Daquela, os amantes do cómic, non dabamos mercado tantas revistas como apareceran desde a morte de Franco (Totem, Blue Jeans, Comix Internacional, 1984, Cimoc, El Víbora, Cairo…). Vértigo tivo a desgraza de aparecer nun tempo en que os lectores xa non dabamos para máis.
Fiquei fascinado con aquela obra. Eu xa coñecía outros traballos da parella Christin-Bilal, pero aquel impresionoume. Por certo: xa era o ano 1982 e o cómic tivo que publicarse co título Los comandos del Orden Negro. Souben do título orixinal, Las falanges…, cando apareceu publicado en álbum, algun tempo despois.
O álbum ábrese cunha secuencia de estrema violencia: unha caravana de vehículos chega a unha vila perdida de Aragón. É de noite e está todo nevado. Os homes que viaxan neles sacan a todas as persoas das casas e asasínanas sen piedade. E logo regan todo con gasolina e queiman a vila.
Algúns días despois, a noticia chega ata Jefferson Pritchard, un vello xornalista que traballa nun diario de Londres. A acción foi reivindicada por un grupo de extrema dereita que se autodenomina «As Falanxes da Orde Negra». A través de diversos contactos, Pritchard comproba que os membros dese grupo son fascistas significados que participaran na guerra civil española.
Pritchard, que fora membro das Brigadas Internacionais, chama entón aos seus antigos compañeiros, todos eles en postos socialmente relevantes. Nunha xuntanza, deciden impedir os seguintes atentados que preparan as Falanxes da Orde Negra. Isto levaraos a unha persecución por diferentes países europeos, ata culminar no inevitable enfrontamento final.
O guión é dunha riqueza e unha complexidade pouco frecuentes no mundo da banda deseñada. Do mesmo xeito que os guionistas da época dourada de Hollywood conseguían crear historias onde o contido ideolóxico se integraba con fluidez nun relato apaixonante, Pierre Christin logra aquí unha crítica feroz do terrorismo fascista (estamos na Europa dos anos setenta!) e unha meditación sobre as posturas da esquerda ante a violencia, e faino dentro dunha narración fascinante e complexa onde todo encaixa con precisión.
É unha aventura que nos sorprende a cada paso, que nos forza a seguir lendo para coñecer o desenlace, aínda que saibamos desde as primeiras páxinas que a aventura verdadeira está na propia viaxe que os protagonistas emprenden a través de media Europa.
Hai que falar tamén da galería de personaxes. Os nove ex-membros das Brigadas Internacionais, todos de idade avanzada, que deciden darlle unha derradeira oportunidade aos seus ideais de mocidade e levar adiante un plan con máis vontade que preparación, teñen un aire crepuscular que lembra, salvando as distancias, os membros daquel Grupo Salvaxe que tan ben soubo retratar Sam Peckimpah.
E todo isto plasmado nas imaxes que crea Enki Bilal, con viñetas case hiperrealistas, onde está coidado ata o máis pequeno detalle. O traballo coa pluma, co emprego de tramas minuciosas para crear o contraste de luces e sombras, é sobresaliente. E logo está a cor, sempre en tons apagados, como acentuando o carácter sombrío da historia, unha historia que non sería a mesma sen eses rostros nos que o ilustrador consegue concentrar toda a carga emotiva que encerran.
Se alguén se quere facer co álbum, a miña recomendación é unha edición recente de Norma, onde baixo o título Fin de siglo, se reúnen dous dos grandes álbums de Bilal-Christin: Las falanges del Orden Negro e Partida de caza. Ademais, inclúese unha extensa entrevista cos dous autores. O formato é máis reducido, pero paga a pena!