Entrevista de Oscar Iglesias para El País. 24 OCT 2008
ENTREVISTA:AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ | PREMIO NACIONAL DE LITERATURA INFANTIL E XUVENIL | LUCES
«Lenme os mozos e os adultos sen anteolleiras»
«A miña situación foi sempre afortunada», di Fernández Paz. Con 275.000 libros vendidos só en Galicia, o escritor (Vilalba, 1947), un dos piares da literatura galega, xa non se anoxa cando lle preguntan por que escribe para mozos»
Non hai traza de soberbia en Agustín Fernández Paz un dos escritores máis prolíficos da literatura galega, dos máis premiados e, a un tempo, dos máis queridos. Tampouco cando explica por que a publicidade editorial pode estabular aos autores por franxas de idade: «O neno do pixama a raias é un libro infantil, e La sombra del viento é xuvenil, pero como están en coleccións para adultos…».
O pedagogo, membro fundador de Avantar e Nova Escola Galega, tornaba onte como podía a traquinada do teléfono. Viña de Vilalba cando se enterou de que os dez relatos d‘O único que queda é o amor, con ilustracións de Pablo Auladell, mereceran o Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil 2008. Afeito aos premios desde o Lazarillo de Contos por palabras (1991), xa levaba sete ou oito anos colocando un libro entre os finalistas do Premio Nacional. «O ano pasado estivera aíCorredores de sombra, pero un premio sempre é unha sorpresa». O nome de Fernández Paz únese ao de Paco Martín, Xabier P. Docampo ou Fina Casalderrei no palmarés do premio estatal, que este ano, na modalidae de ensaio, tamén foi para Justo G. Beramendi.
Pregunta. Por que escolleu o amor para fiar as historias do libro?
Resposta. Anaya fai cada ano un libro temático con varios autores, e a idea dese ano foi o amor á lectura. A que me saíu foi esa historia de amor que abre o libro (Un radiante silencio). Ao tempo que desenvolvía esa historia de amor entre o libreiro e a executiva, vin que tiña no fondo de armario do ordenador contos á espera de quen sabe que… Algúns encaixaban. Sempre que fago contos debo ter un fío común.
P. Hai moitos puntos de vista, pero o azar que azouga os personaxes non é precisamente lírico.
R. E que cantas facetas crueis non ten o amor… O libro é por veces triste e melancólico, pero só o feito de ter esa experiencia, é algo remarcable na vida de calquera persoa. Como dicía Pessoa, os únicos ridículos son os que nunca escribiron cartas de amor. Logo está a teima esta miña nos últimos libros, como unha marca da casa. Un personaxe que permita introducir lecturas ou filmes.
P. As citas tamén axudan.
R. O libro íase chamar Sucos de bágoas, como aquilo de Won Kar Wai en 2046, «todas as lembrazas son sucos de bágoas». Pero lendo Neve, a novela de Orhan Pamuk, atopeime con esoutra reflexión [a que quedou como título definitivo], que se axustaba máis. Sucos era só amarga.
P. As historias de tempo e memoria, como a do coleccionista de mistos, son moi amargas.
R. Sempre digo que escribimos cos fíos da vida. Se o que escribes é auténtico, sempre se escribe cos fíos da vida. As experiencias ou vivíchelas ou contáronchas. Pero cando escribes, escribes; tes un vago proxecto do que queres facer. As reflexións son a posteriori.
P. O premio danllo na categoría de literatura xuvenil, pero a editora portuguesa Nelson de Matos colócao en ficción adulta. Aínda lle preguntan por que se adica á literatura xuvenil?
R. E Bromera, en catalá, tamén o vai colocar en Ecléctica, unha colección o que se di adulta… A definición que eu fago de literatura xuvenil é distinta á que fai a xente. O Ulises non podería selo, pero A metamorfose ou Baixo as rodas, si. A xente empéñase en poñer marcos, e as liñas están para rachalas. A literatura xuvenil é aquela que poden ler tamén os mozos. Eu chámolles libros de fronteira. Xerais pensou publicar Aire negro nunha colección para adultos, pero se eu fixese iso, é posible que a mocidade non me lese. Se publico nunha xuvenil, lenme os rapaces e tamén os adultos sen anteolleiras. Nese aspecto son algo utópico.
P. Ata cando se manterán as franxas de idade da publicidade editorial?
R. Eu teño que adaptarme ao que hai. O meu nome é Skywalker, premio Barco de Vapor hai anos, conta a relación entre unha nena e un indixente, e foi publicada nunha colección para nove anos en diante. Que lle vou facer. Os formatos editoriais son os o que son, e eu escollín.
DESCARGAR A ENTREVISTA EN PDF: Entrevista-El-Pais-AFP