«A viaxe de Gagarin» obtén o Premio de Narrativa da AELG
O pasado 9 de maio, a Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) celebrou a anual Gala das Letras no Círculo das Artes de Lugo. Durante o acto, conducido pola xornalista e escritora María Solar, déronse a coñecer as obras e as persoas merecentes dos galardóns, que se deciden por votación dos socios e socias da Asociación. A relación completa dos premios pode consultarse aquí.
No blog Brétemas de Manuel Bragado apareceu unha interesante crónica desta Gala das Letras.
A novela A viaxe de Gagarin, de Agustín Fernández Paz, foi elixida como o mellor título de narrativa publicado durante o 2014. Este recoñecemento vénse sumar aos dous obtidos anteriormente: o Premio Fervenzas Literarias e o Premio «Ánxel Casal» da Asociación Galega de Editores (AGE), ambos os dous ao mellor libro de narrativa do ano 2014.
A viaxe de Gagarin está publicada na colección de Narrativa de Edicións Xerais. Na web do autor recóllese unha ampla información sobre o libro, así como as recensións e entrevistas que se publicaron nos medios.