Vieiros Cartafol de libros

Edición xestionada por Héitor Mera
 FORO

A sección onde deixares as túas opinións, comentarios ou suxestións e debater con outros internautas.
 AS WEBS DE AQUÍ

Consulta no directorio de Vieiros as páxinas sobre literatura, editoriais e librarías

 

Recuperando a memoria
[06/05/2006 19:29] por Manuel Rodríguez Alonso

Corredores de sombra
Agustín fernández Paz
Xerais, Vigo, 2006. 220 páxs., 18 €

Neste ano de recuperación da memoria sobre a Guerra Civil e os asasinados e perseguidos polo franquismo, Fernández Paz publica esta novela que toca o tema sen ningún tipo de eufemismos. O relato vai dirixido a un público xuvenil, que, desgrazadamente, está a perder a memoria do noso pasado recente ou mesmo a ser manipulado por quen di que ese pasado xa está morto e que mellor é non remexer nel, ou, aínda máis, que fomos todos culpables. E iso non é así, como ben amosa esta novela.

Como vén sendo tópico xa en moita literatura xuvenil-infantil estamos ante unha novela en que unha protagonista feminina relata en primeira persoa a súa busca no pasado familiar (pais, avós) para descubrir quen asasinou un home que aparece emparedado no pazo de seu pai. Tema moi socorrido é este da busca das orixes familiares por parte do adolescente-mozo. Xa o vimos noutra recente novela xuvenil galega que comentamos nestas páxinas. É non é un motivo inverosímil: dende Edipo ou Telémaco é un sinal de paso da nenez á adolescencia-madurez a investigación sobre os pais-avós. A protagonista vaise atopar con datos dunha guerra que só coñecía de nome e coa sorpresa dun avó asasino no bando dos represores franquistas e dun pai que tenta tapar o pasado, porque o franquismo o beneficiou social e economicamente. O esquecemento do pai, xa que logo, non é inocente.

O ambiente da Guerra Civil en Galicia e da represión da posguerra está en xeral moi ben trazado na novela. Quizais sexa un pouco tendencioso cando sitúa o apoio ao franquismo de xeito exclusivo no pazo ou no ambiente dos emigrantes retornados de América enriquecidos e o progresismo, galeguismo e republicanismo, topicamente, nos estamentos populares e mesmo no sector do profesorado. A cousa foi ben máis complexa. Lembremos que Otero Pedrayo, sen ir máis lonxe, ou Castelao, proviñan do pazo ou do sector social dos americanos retornados con cartos. Por outra banda, non todo o galeguismo foi republicano e antifranquista: aí están os casos de Noriega Varela, Cotarelo Valledor, Filgueira Valverde, Álvaro Cunqueiro, Vicente Risco ou o propio Torrente Ballester (galeguista na súa mocidade), que foron franquistas convencidos, polo menos nos primeiros tempos da Ditadura.

Resulta interesante o intento de restaurar ou actualizar o subxénero literario que Varela Jácome bautizou, hai xa ben anos, co nome de "novela de pazo". Non parece que sexa un azar que a familia do pazo da protagonista se apelide Soutelo. O pazo non desapareceu, senón que na novela de Fernández Paz aparece adaptado ás circunstancias actuais, como segunda residencia dos novas clases ricas da democracia (notarios, capitalistas, altos funcionarios...), que moitas veces son herdeiros da vella fidalguía, como acontece co pai notario da protagonista. Non toda a fidalguía se arruinou e algúns souberon adaptarse aos novos tempos, mesmo aos da democracia e da autonomía. Deste xeito, segue vixente a división xa non entre fidalgos e foreiros, senón entre os que teñen cartos e poder e os que non o teñen. Dá a sensación de que todo cambiou para que todo siga igual.
Nalgúns casos os personaxes parecen tópicos, empezando pola protagonista-narradora, e sobre todo o tío homosexual desta.

Cumpriría un pouco máis de individualización e unha fuxida de estereotipos. Creo que o mundo de diversións e formas de vida xuvenís, así como a linguaxe xuvenil, non aparece tratado como sería de esperar. Especialmente rechamante é que os novos non teñen un rexistro lingüístico de seu, como ocorre por exemplo no relato xuvenil en castelán. É isto debido á impericia dos nosos escritores ou a que realmente non existe unha linguaxe xuvenil galega, tan esmagados como estamos pola omnipresenza do castelán entre os máis novos?

Chama a atención, e resulta preocupante, a valoración que o autor, profesor de lingua, realiza sobre o coñecemento que da literatura galega ou da historia teñen os nosos escolares. Parece ser que a Guerra Civil non se ensina nos colexios dos ricos (páx. 56) e que a un rapaza de bacharelato, como a protagonista, os nomes de Rosalía ou Otero só lle soan..., aínda que sexa unha grande afeccionada á lectura. É para meditarmos sobre a calidade e galeguismo do noso Ensino.
Xa que logo, estamos unha novela que ten como eixe temático a recuperación da Guerra Civil e das súas consecuencias. Boa lectura, sobre todo para os mozos e mozas, nestes tempos de actualización da Memoria da República e da Guerra Civil.


COMENTARIOS:

Hai 1 comentarios para esta nova. Le os comentarios e participa




© Vieiros