Unha noite con The Animals

The House of  the Rising Sun (The Animals, 1964)

Debeu de ser no ano 1965. Daquela eu estaba interno na Universidade Laboral de Xixón e, coma outros compañeiros meus, deveciamos polas cancións dos grupos musicais, con preferencia dos estranxeiros, aínda que tamén valorabamos os que foran agromando en España, como Mustang, Sirex, Brincos ou Salvajes.

Algúns rapaces do meu curso formaron tamén un conxunto, ao que puxeron de nome “Los Mercury”. O seu repertorio era moi limitado e tocaban con instrumentos emprestados, mais iso non minguaba o noso entusiasmo por eles.

Daquela había algúns programas de variedades na televisión, que aínda era en branco e negro, mais non podiamos velos se eran en horario nocturno; ese era un privilexio reservado só aos dos cursos de Peritaxe.

Unha semana estendeuse a noticia de que, nun deses programas, actuarían The Animals. O grupo que capitaneaban Eric Burdon e Alan Price conseguira un éxito mundial coa canción The House of the Rising Sun, un tema tradicional do sur dos EE. UU. que eles versionaran dun xeito marabilloso. E cadrou que, precisamente, esa era unha das escasas cancións que figuraba no repertorio de Los Mercury. Houbo conversas persuasivas cos nosos educadores, ata que por fin se conseguiu o ansiado permiso, limitado só aos membros do grupo e a catro ou cinco máis que andabamos arredor deles.

Así que alá fomos á sala da televisión e agardamos expectantes a aparición de The Animals. E si, apareceron, mais tocaron só unha única canción, The House of the Rising Sun. Agardabamos escoitalos en tres ou catro temas, mais os responsables da Televisión Española deberon considerar que aqueles guedelludos non tiñan importancia ningunha. E volvemos para os nosos cuartos, parcialmente amolados por aquel visto e non visto.

Na carátula que abre este post, figuran precisamente dúas das cancións que, polo menos a min, me gustaría terlles escoitado aquela noite: Don’t Let Me Be Misunderstood (que en España popularizaran os Lone Star co título de Comprensión) e We’ve Gotta Get Out Of This Place (que tamén versionaran os Lone Star, co título Muy lejos de aquí). Poder escoitalas agora no Youtube é unha pequena vinganza sobre aqueles tempos escuros (con cincuenta anos de atraso, iso si).

Don’t Let Me Be Misunderstood:

We’ve Gotta Get Out Of This Place:

Por certo, foron moitos os cantantes e grupos que gravaron The House og the Rising Sun, entre eles Bob Dylan, Joan Baez, Led Zeppelin, Sinéad O’Connor ou Jimi Hendrix. Paga moito a pena escoitar a versión de Joan Baez.