Sempre The Kinks!

You really got me (1964) / Waterloo Sunset (1968)/ Lola (1970)

Unha vez máis,  regreso á decada dos sesenta para lembrar aquí outro dos grupos que me entusiasmaban daquela, e que aínda hoxe sigo a escoitar con agrado: The Kinks. E con el a Ray Davies, ese xenio da música que foi o seu líder e o compositor da meirande parte dos temas que gravaron.

A primeira e inesquecible canción que lles escoitei foi You really got me. Gravárona no 1964, así que eu debín escoitala en 1965, supoño que na Universidad Laboral. Daquela eu tiña dezasete anos e, como varios dos meus amigos, estaba abducido pola música dos grupos que nos chegaban do Reino Unido desde Liverpool ou desde Londres, como era o caso de The Kinks.

A quen non vivise a época, élle difícil comprender as dificultades que tiñamos para acceder á música que nos gustaba. Case ninguén tiña tocadiscos, así que só nos quedaban os programas musicais da radio e a audición, unha vez e mais outra, dos escasos discos que circulaban entre nós. Supoño que alguén tiña aquel primeiro EP de The Kinks, porque lembro escoitalo repetidas veces. Hoxe, case cincuenta anos despois e malia as imperfeccións do son, segue a entusiasmarme. Como esquecer a voz de Ray Davies e o riff da guitarra que tan famoso se fixo?

En 1966 viñeron tocar a Madrid, á Sala Yulia. Gardo por algures (hoxe non o dei atopado!) un exemplar da revista Fonorama onde viña unha crónica da única actuación do grupo. De tantas veces que a lin, cheguei a saber de memoria o listado das cancións que tocaran!

Desde aquela fun seguindo a evolución do grupo (e tamén as versións en castelán que facían algúns conxuntos, como Los Salvajes ou Lone Star) , que axiña abandonou as cancións directas e sinxelas para pasar a temas máis elaborados, con letras de maior complexidade, moitas veces críticas cos costumes e o conservadorismo da sociedade británica.

O primeiro disco deles que tiven de meu foi un EP onde o tema principal era a magnífica Waterloo Sunset. Estabamos no ano 1968.

Dous anos despois publicaron o que quizais foi o seu meirande éxito comercial, Lola. E logo seguiron a gravar disco tras disco, ata separárense no 1996. Hai dous ou tres anos, despois de intervir non lembro onde, os organizadores obsequiáronme con un dos últimos discos da banda, sabedores do meu aprecio por ela. Ben que llelo agradecín! God save The Kinks!