O rastro que deixamos





portada O rastro que deixamos
Ficha Técnica
Editorial: Edicións Xerais
Primeira edición: 2012
ISBN: 978-84-9914-449-8
Páxinas: 240
Colección: Xerais Crónica


Traducións
Sinopse

Coma se fosen as pedriñas coas que Hansel marcaba os seus pasos pola espesura do bosque, O rastro que deixamos reúne traballos dados a coñecer por Agustín Fernández Paz en diferentes medios e contextos ao longo do tempo, así coma outros que permanecían inéditos.

Estes rastros son unha mostra de dúas liñas de traballo esenciais, a memoria da infancia e o oficio da escrita. Na primeira parte, baixo o epígrafe “As paisaxes da memoria”, reúnense escritos onde predominan as vivencias da nenez e da mocidade. Os textos da segunda, titulada “O oficio de escribir”, fálannos da súa paixón pola lectura e pola escrita, así como da súa fe na forza das palabras para cambiar o mundo e cambiar a vida.

Como ocorre nos libros de ficción de Fernández Paz, estas páxinas seducen pola claridade das ideas e polo engado con que se expresan. Ademais, permítennos adiviñar as pegadas das experiencias vitais na súa obra e descubrir os fundamentos do oficio de narrador, o termo no que o autor mellor se recoñece.

Cada unha das dúas partes péchase cunhas páxinas narrativas; a primeira, cos relatos “A mirada de Clara” e “Cando nacen as estrelas”; a segunda, cun peculiar e irónico conto por palabras, “Reflexións sobre a precariedade laboral”. Estes relatos amosan como o autor constrúe os textos de ficción cos vimbios da súa vida, unha vida que traslada logo aos seus personaxes.

  • Premio Ánxel Casal (Asociación Galega de Editores) ao mellor libro de non ficción do 2012.
  • Premio “Fervenzas Literarias” ao mellor libro de ensaio do ano 2012.





Traducións