EL
VIAJE
DE
GAGARIN
Blog de la novela
Agustín Fernández Paz

29. A carreira espacial e a chegada á Lúa


(Na imaxe, momento en que Buzz Aldrin se dispón a pisar a superficie da Lúa)

carrera espacialDespois do éxito do programa Vostok, que fixo posible o voo de Iuri Gagarin, de Valentina Tereshkova e dos outros cosmonautas soviéticos, estableceuse unha rivalidade entre a URSS e os EE. UU. sobre a conquista do espazo. O obxectivo das dúas grandes potencias mundiais era conseguir que un ser humano pisase a superficie da Lúa. Comezaba a carreira espacial.

Isto obrigaba a un gran esforzo científico e tecnolóxico, así como a orzamentos desmesurados. Había que ir dando os pasos intermedios (estadías prolongadas dun ser humano no espazo, foguetes cada vez máis potentes, naves sen tripulación que orbitasen arredor da Lúa, naves tripuladas que se achegasen á Lúa…) que fixeran posible chegar ao obxectivo final. Eses pasos intermedios fóronse dando ao longo dos anos sesenta, tal como se van enumerando ao longo da novela. Avances que permitían ver cada vez máis preto a soñada conquista da Lúa.

posters carreira espacial

Aínda que abundan as testemuñas gráficas destes sucesivos pasos, eu destaco aquí a serie de catro documentais sobre a «Space Race», producidos pola británica BBC, que me parece a máis completa e rigorosa.

Para facelos máis atractivos, nos capítulos mestúranse partes dramatizadas con filmacións reais, e saliéntase a rivalidade entre Sergei Korolev, o cerebro do programa da URSS, e Werner von Braun, o alemán a quen se lle encargou dirixir o programa dos EE. UU.

O resultado é unha reportaxe exhaustiva sobre o que foi a conquista do espazo desde os seus comezos. Paga a pena vela, por longa que sexa. O que nos interesa aquí é o capítulo 3 (dividido en cinco partes), que finaliza coa viaxe de Gagarin, e sobre todo o capítulo 4 (tamén dividido en 5 partes), onde se recollen os sucesivos pasos dados nos anos sesenta, que culminaron coa chegada á Lúa de Neil Armstrog e Buzz Aldrin, en xullo de 1969. Velaquí a primeira das cinco partes:

A segunda podémola ver aquí, a terceira neste enlace, e a cuarta nestoutro. A quinta, que recolle a chegada á Lúa, é esta:

De calquera xeito, se se quere ter un resumo máis breve da carreira espacial espacial e da chegada á Lúa, recomendo este especial do xornal El Comercio, que inclúe textos, fotos e vídeos presentados dun xeito sintético e atractivo.







28. Os libros da novela


(Na imaxe, libros prohibidos durante o franquismo, a maioría da editorial Ruedo Ibérico)

Unha novela con moitos libros dentro

A viaxe de Gagarin é unha narración onde os libros ocupan un lugar relevante. E non me refiro ao feito de os personaxes teñan unha relación especial co mundo da letra impresa. A nai do protagonista é filla de libreiros e rexenta unha libraría de barrio; o pai é tipógrafo e traballa nunha imprenta; e Euclides, o seu mellor amigo, é encadernador. Celia, a nai, é unha lectora apaixonada, e posiblemente fose ela quen espertou a paixón lectora no seu fillo.

Ao falar dos libros da novela, penso naqueles títulos ou coleccións que se citan expresamente, e nunca dun xeito gratuíto. No percorrido que imos facer, prescindo dos “tebeos”, das novelas de quiosco e de Fahrenheit 451, a novela de Ray Bradbury, pois xa mereceron cadansúa entrada.

A Editorial Doncel

La Ballena Alegre 4A primeiros dos anos sesenta, cando gaña un premio literario, ao protagonista agasállano cun lote de libros da editorial Doncel. Esta era unha editorial creada pola propia ditadura, onde se editaban aqueles títulos que o “Movimiento” consideraba axeitados (entre eles, os de Formación del Espíritu Nacional que se utilizaban no bacharelato).

Nun tempo en que escaseaba a literatura infantil de calidade, Doncel creou unha colección, “La Ballena Alegre”, na que apareceron diversos títulos de interese (De un país lejano, de Ángela Ionescu; Marcelino Pan y Vino, de Sánchez Silva; Marsuf, vagabundo del espacio, de Tomás Salvador…) e mesmo algunhas traducións insólitas, como Rasmus y el vagabundo, de Astrid Lindgren.

As coleccións populares: Reno, Austral e (máis tarde) Alianza

Lord JimNa novela cítanse expresamente estas dúas colección, que durante os anos sesenta cumprían o papel que hoxe poden facer os libros de peto: libros de pequeno formato, baratos e de encadernación sinxela: Reno e Austral. Tanto nunha coma noutra colección o catálogo era moi amplo. Austral atendía máis a autores canónicos españois (Ortega y Gasset, Unamuno, Pío Baroja, Valle Inclán…) mentres que en Reno aparecían títulos de autores actuais, a inmensa maioría estranxeiros (sempre dentro das marxes permitidas pola censura, que eran ben estreitas). Aínda que nos pareza estraño, a carón de títulos comerciais podíanse atopar algunhas obras de Faulkner, Conrad ou Ivo Andric.

En 1966 apareceu unha nova colección, El Libro de Bolsillo de Alianza Editorial, que supuxo unha pequena revolución: tamén eran baratos, as portadas moi atractivas, (obra de Daniel Gil, paga moito a pena velas) e o seu catálogo ofrecía obras que ata daquela parecían impensables, e en traducións de calidade. A esta colección pertencía o libro Poemas y canciones, de Bertolt Brecht, co que o protagonista agasalla a Francesca.

libros de Austral

(portadas dalgúns títulos da Colección Autral)

Os libros prohibidos

La náusea 2A censura estendíase a todos os produtos culturais (o cine, os cómics, os xornais e revistas, as cancións…) E tamén aos libros, xaora; como ben sabemos, eran moitos os títulos e os autores que a ditadura de Franco prohibía publicar. Escritores exiliados (León Felipe, Max Aub, Castelao, Luís Seoane, Blanco Amor, Rosa Chacel…) ou vítimas da guerra (García Lorca, Antonio Machado), escritores de ideoloxía orientada á esquerda (Albert Camus, Jean Paul Sartre, Simone de Beauvoir, Bertrand Russell, Pablo Neruda, Máximo Gorki, Karl Marx…), autores que non respectaban a doutrina da Igrexa Católica ou a súa moral sexual (Nabokov, coa súa célebre Lolita; Alberto Moravia, James Joyce, Franz Kafka, André Gide…).

Moitos destes títulos prohibidos circulaban por España dun xeito clandestino. Editados na Arxentina (na editorial Losada, sobre todo, mais tamén noutras como a editorial Sur) ou en México (no Fondo de Cultura Económica, na editorial Joaquín Mortiz, en Grijalbo…), chegaban a España de contrabando e algunhas librarías, que os tiñan agochados, ofrecíanllelos aos clientes nos que sabían que podían confiar.

Tamén entran nesta categoría os libros da editorial Ruedo Ibérico, creada en París, no ano 1961. Ruedo Ibérico publicaba libros referidos á realidade social española, que facían chegar a España por diferentes medios.
Por eses camiños foi como acabaron chegando algúns deles ás mans do protagonista da novela, sobre todo a través do encadernador Euclides.

Os libros galegos

Merlin e familia 2Nos anos sesenta, o panorama da edición en galego era moi precario, e os escasos libros que se publicaban tiñan tiraxes curtas e unha distribución restrinxida a certas librarías. Os libros que le o noso protagonista —Longa noite de pedra, Cousas, Vento ferido e Merlín e familia— chegan a el a través dos seus amigos Suso e Santi, que comezaran a frecuentar a Asociación Cultural “O Facho”, unha das primeiras que se creou en Galicia.

Os libros de Sherlock Holmes

As novelas e relatos do personaxe creado por Arthur Conan Doyle coñeceron moitas edicións de carácter popular. En A viaxe de Gagarin aparecen porque eran os que utilizaban os militantes clandestinos  para identificar os seus contactos. E dáse a entender que deles procede o nome do enigmático Camarada Holmes.







7. As películas da novela (1)


Marcelino pan y vino (Ladislao Vadja, 1955)

Marcelino,_pan_y_vino_1955En tres capítulos da novela, o protagonista fálanos dalgunhas das películas que viu nos anos sesenta. A primeira á que fai referencia é Marcelino pan y vino, proxectada nunha función gratuíta que organizan as autoridades. Este filme foi un dos grandes éxitos (comercial, mais tamén artístico) do cine español dos anos cincuenta.

A película trata un tema relixioso e busca provocar unha mestura de risas e bágoas. É de 1955, e dirixiuna o húngaro Ladislao Vadja, que logo de traballar en diversos países europeos acabaría instalándose en España (onde rodou títulos que conservan o seu interese, como El cebo, excelente adaptación dunha obra de Dürrenmatt).

Un dos motivos do éxito de Marcelino pan y vino veu pola actuación do neno protagonista, Pablito Calvo, que foi cualificado como «neno prodixio» e que, posteriormente, rodaría varias películas máis con Ladislao Vadja. Neste anaco do NO-DO (a partir do min. 39), pódese ver a popularidade do actor.

A historia que conta é a dun neno abandonado na porta dun convento de franciscanos, do que os frailes se fan cargo ao non atopar ningunha familia que o queira coidar. Está ben resumida no trailer do filme:

Marcelino libro

O libro que orixinou a película

Marcelino pan y vino é a adaptación cinematográfica da novela do mesmo título, da que é autor José María Sánchez Silva (1911-2002), un fervoroso falanxista e un dos intelectuais do réxime de Franco (é autor, entre outros, de Franco…, ese hombre, do que se faría posteriormente unha película de loanza ao ditador).

O libro, publicado orixinariamente na Editorial Doncel (aí foi onde eu o lin) en 1952, tivo moito éxito e traduciuse a un bo número de linguas. E foi o que levou a Sánchez Silva a acadar, compartido, o premio Andersen en 1968. É, polo de agora, o único autor español que obtivo este galardón.

No ano 1993, a Xunta de Galicia editou a versión galega do libro, traducido por Valentín Arias e ilustrado por Jaime Fariña Falcón.

Velaquí unha secuencia fundamental na película, onde se narra o milagre que se produce na historia: