EL
VIAJE
DE
GAGARIN
Blog de la novela
Agustín Fernández Paz

31. Índice das entradas do blog


(Na imaxe, unha mostra dun dos meus manuscritos)

Pareceume oportuno incluír aquí unha derradeira entrada, un ÍNDICE das trinta que compoñen o Blog Gagarin, cos seus correspondentes enlaces. Deste xeito, quen o visiten poderán coñecer os contidos e a orde en que se foron tratando. E, ademais, consultar con maior comodidade aqueles que desexen ver.

Velaquí a relación de entradas:
  1. As intencións deste blog
  2. O inicio da carreira espacial: o Spútnik 1
  3. Iuri Gagarin, o primeiro cosmonauta
  4. First Orbit, un documento excepcional
  5. Aquí Radio España Independiente, Estación Pirenaica
  6. Bucarest. La memoria perdida, un valioso documental.
  7. As películas da novela (1)
  8. Valentina Tereshkova: unha muller no espazo.
  9. Os “tebeos” de Gagarin
  10. As novelas de quiosco
  11. A Brigada Político Social
  12. A condena e execución de Julián Grimau
  13. As películas da novela (2)
  14. O Tribunal de Orden Público (TOP)
  15. The Mamas & The Papas
  16. A evacuación das nenas e nenos vascos
  17.  A revista Triunfo
  18. As sementes da liberdade: 1968
  19. A primavera de Praga
  20. As películas da novela (3)
  21. Os “estados de excepción”
  22. As películas da novela (e 4)
  23. As fotos do cuarto de Miguel
  24. Media vida baixo terra
  25. Queimar era un pracer
  26. Al alba, al alba
  27. A oposición ao franquismo
  28. Os libros da novela
  29. A carreira espacial e a chegada á Lúa
  30. Poñéndolle o ramo

 







5. Aquí Radio España Independiente, Estación Pirenaica


 (Na imaxe, en Bucarest, o equipo que facía as emisións da Radio Pirenaica)

Na novela, os pais do protagonista pechábanse no cuarto para escoitar pola noite as emisións de Radio España Independiente, Estación Pirenaica. O mesmo se facía en moitas casas de España, sempre coa precaución de que ningún veciño se decatase, pois estaba prohibido sintonizala. O que se escoitaba ao inicio era isto:

 … o PCE contou cun instrumento propagandístico de primeira orde, Radio España Independiente, unha poderosa emisora radiofónica primeiro instalada na URSS, despois en Checoslovaquia e finalmente en Rumanía, desde onde transmitía nas diversas linguas do Estado. Hoxe non é posible cuantificar o número de persoas que en España escoitaba “A Pirenaica. A única emisora de radio sen censura de Franco”, como era familiarmente coñecida –sintonizala era xa un delicto de seu e podía levar ao cárcere a quen o fixese–, mais a súa influencia foi importante.
(Nicolás Sartorius / Javier Alfaya: La memoria insumisa)

 A Radio Pirenaica estivo activa entre 1941 e 1977. Aínda que o goberno de Franco, con material facilitado polos EEUU, instalou un potente sistema para interferir as frecuencias en que emitía (o que explica as dificultades para escoitala con nitidez), o certo é que non conseguiu que a xente deixase de seguila.

cartas pirenaica 2Malia o seu afastamento xeográfico, os redactores da Pirenaica estaban ao tanto do que ocorría realmente en España, pois chegábanlles moitísimas cartas desde diferentes lugares do país,  cartas de persoas anónimas que escribían para informar dos máis diversos sucesos. Unha selección destas cartas apareceu publicada hai pouco, cun estudo de moito interese.

Neste enlace podemos ver un completo e interesante documental sobre a historia da Pirenaica, “Radio Pirenaica. La historia de una radio clandestina“, emitido na TVE-2.

Un dos redactores da Pirenaica foi Jordi Solé Tura, militante do PSUC e unha das persoas que elaborou a Constitución de 1978. Cando xa estaba enfermo de Alzheimer, o seu fillo Albert realizou un documental, Bucarest. La memoria perdida, que a min me pareceu apaixonante. Ben merece unha entrada específica, que virá despois desta.







30. Poñéndolle o ramo


Chegamos ao final

Cando se remata unha casa (ou, polo menos, cando se lle pon o tellado e queda a estrutura feita), existe o costume de poñer uns ramallos no curuto do edificio. É un xeito de expresar que xa se acimou a obra, ou o principal dela, e o traballo fica concluído.

De aí vén a expresión Poñer(lle) o ramo… Utilizámola para indicar que, coa parte que vimos de facer, o traballo queda rematado. Segundo o Gran Dicionario Xerais da Lingua, “ramallo que se coloca no tellado para indicar o final da construción”. E no Dicionario de Fraseoloxía Galega, “poñer o ramo” defínese como equivalente a “rematar, concluír”.

Por iso se titula así esta trixésima entrada do Blog Gagarin. Porque, con ela, lle dou cabo a un traballo que comecei un pouco antes de se publicar a novela, aló por finais de abril. Unha empresa que me apetecía moito facer, polas razóns que se explican na primeira entrada. Mais tamén unha empresa que agora remato con gusto, pois foi fatigoso o traballo que levou e moitas as horas que lle dediquei.

Ben sei que aínda podería haber algunha entrada máis, co mesmo dereito que estas trinta. Coma tal, unha dedicada a Eleanor Rigby, a canción de The Beatles que motiva a primeira conversa entre Miguel e Francesca. Mais desta canción xa falei noutro lugar, así que aquí chega con poñer o anaco de Yellow Submarine en que a cantan:


Beatles – Eleanor Rigby por hushhush112

E tamén podería poñer a ampla documentación que reunín sobre A Coruña dos anos sesenta, tan distinta da de agora. Como mostra, velaquí un vídeo que nos fai lembrar o moito que medrou a cidade nos últimos corenta anos:

Aínda así, o trinta é un número moi xeitoso. Nas trinta entradas queda recollida unha boa parte da documentación que utilicei para escribir A viaxe de Gagarin. Esa que non sae na novela, mais que é imprescindible para escribila. Dalgún xeito, vén sendo coma un río subterráneo que percorre todas as páxinas e as nutre de vida e de verosimilitude..

Despedida e peche

Deixo aquí constancia do meu agradecemento a todas aquelas persoas que foron seguindo o medre deste blog, entrada tras entrada. Moitas fixéronme chegar as súas suxestións, que agradezo ben.

A todas as persoas que, a partir de hoxe, se acheguen a este blog prégolles que, se ven algún erro ou dato inexacto en calquera das entradas, fagan o favor de comunicarmo, para poder corrixilo.

Un bo xeito de rematar o blog pode ser co book trailer da novela. Agora si que queda posto o ramo!: