1816: O «ano sen verán»

(Fotograma do filme Remando al viento (1987), de Gonzalo Suárez)

A semente d’A neve interminable

No pasado mes de abril publiquei unha nova novela, A neve interminable, onde se fai referencia á famosa reunión de Lord Byron e os seus invitados en Xenebra, á beira do lago Leman, no frustrado verán de 1816. E digo frustrado porque 1816 quedou marcado na historia como «O ano sen verán».

Xa son varias as persoas que me preguntaron por este feito insólito. E, como foi a semente que fixo agromar o libro, pareceume interesante contar o que sei del nesta entrada do blog. Calquera persoa que lea este texto, axiña entenderá por que o considero a semente que me levou a escribir o libro.

A erupción do volcán Tambora

En abril do ano 1815, o volcán Tambora, situado nunha das illas de Indonesia, entrou en erupción. Unha erupción extremadamente violenta, din que a máis grande da historia. O desastre provocou máis de cincuenta mil mortos, contando só os dos días seguintes á erupción. Esta foi tan forte, que as cinsas e partículas expulsadas polo volcán chegaron á estratosfera; as máis pesadas foron caendo ao chan, mais as finas permaneceron alí durante anos.

O vento espallounas arredor do mundo, de tal xeito que formaron unha capa que dificultaba a chegada á Terra dos raios do sol. Coincidiu, ademais, que naquel ano houbo unha serie de anomalías nas manchas solares, que contribuíron a esta diminución de luz e calor.

Isto notouse máis no hemisferio norte, sobre todo ao longo do ano 1816. O frío permanente e a diminución da luz solar fixeron que se perdesen as colleitas ou que fosen moi pobres e fóra de tempo. As cidades ficaron desabastecidas, o que provocou a fame, as enfermidades (algunhas, contaxiosas) e moitas mortes en toda Europa. Aquel foi o chamado «Ano sen verán».


1816: El año sin verano (La pequeña Edad de Hielo)

A reunión de Xenebra

Lord Byron, o poeta romántico, decidira descansar aquel verán en Suíza, motivo polo cal alugou a Vila Diodati, unha mansión magnífica á beira do lago Leman, onde residía co doutor John Polidori, o seu médico persoal.

Byron tiña unha boa amizade co poeta Percy B. Shelley, que daquela xa vivía con Mary Godwin, a quen logo coñeceriamos como Mary Shelley. Vivían xuntos desde que Mary tiña 17 anos, unha relación que escandalizou á sociedade londiniense, non só pola idade dela senón tamén polo feito de estar Shelley casado con outra muller.

Mary era filla dunha famosa feminista inglesa, Mary Wollstonecraft, a autora do libro Vindicación dos dereitos da muller (1792), que finou días despois de dar a luz a Mary, e do filósofo Samuel Godwin. Lord Byron invitou a Shelley e a Mary a pasar uns días de descanso na casa que alugara. E alá foi a parella, acompañada por Claire Clairmont, unha media irmá de Mary.

Ningún dos cinco residentes en Vila Diodati sabían nada da erupción do Tambora e das consecuencias climáticas que provocaría. O «ano sen verán» manifestouse en Suíza especialmente chuvioso e neboento, eran continuos os temporais de auga e neve. Tanto, que os cinco amigos viron frustrados os seus plans de gozar da natureza e nos lles quedou outra que pasar moitas xornadas recluídos na casa.

Hai unha película de 1987, Remando al viento, dirixida por Gonzalo Suárez, en que se recrean os días que estes escritores pasaron xuntos en Suíza. Evidénciase o mal tempo durante a súa estadía, aínda que o tema principal é o da creación literaria e as relacións da obra co seu creador. Velaquí o tráiler da película:

A noite do 19 de xuño

Esa noite, o grupo pasou boa parte da noite lendo en voz alta un libro de contos de fantasmas, editado en Alemaña e traducido ao francés. Nunha das narracións, un grupo de viaxeiros mataban o tempo contándose uns a outros experiencias fantasmais que experimentaran. E foi entón cando Lord Byron lles fixo aos seus acompañantes unha proposta semellante: escribir cadanseu relato de medo, a ver quen conseguía crear o máis terrorífico.

Shelley escribiu unha experiencia que tivera na súa mocidade e Byron comezou o que logo sería o poema Darkness. O doutor Polidori escribiu The Vampyre, un relato considerado o precedente inmediato do Drácula que anos despois crearía Bram Stoker. E Mary Shelley?

O nacemento de Frankestein ou o moderno Prometeo

Mary Shelley non foi capaz de escribir nada de xeito inmediato. Mais, algúns días despois, tivo un pesadelo que a deixou moi impresionada. Un pesadelo relacionado cunha conversa que o grupo mantivera arredor do principio da vida e a posibilidade científica de galvanizar un cadáver fabricado con partes humanas. Ese foi o xerme de Frankestein ou o moderno Prometeo, unha novela gótica que se considera un dos piares da ciencia ficción; unha novela que, malia a súa brevidade, admite múltiples lecturas.

A autora foina escribindo nos meses posteriores, e o libro publicouse no ano 1818. Tivo moita relevancia e sucedéronse as edicións. No ano 1831, Mary Shelley reescribiuna e completouna cun prólogo en que rememora aqueles días en que tivo a idea. Como ela escribe, tentou crear

«unha historia que falase dos misteriosos temores da natureza e que espertase o máis intenso dos terrores, unha historia que crease no lector medo a ollar ao seu redor, que xease o sangue e acelerase os latexos do corazón.»

 
(Secuencia da película na que Mary Shelley lle conta a Lord Byron a existencia da criatura que creou)

Darkness, o poema de Lord Byron

O poema que lord Byron rematou en xullo daquel 1816, Darkness, está fortemente influído polas circunstancias climáticas que viviu naqueles meses. É «unha especie de oda apocalíptica do derradeiro home vivo tras unha catástrofe climática global».

Neste século XXI, cando os perigos do cambio climático causado pola actividade industrial, polo uso dos combustibles fósiles e pola destrución dos recursos naturais, son cada vez máis reais, impresiona ler a visión que Byron nos transmite. Aquí podemos ler (ou escoitar) a versión orixinal. Aquí, unha tradución ao castelán.

Máis arriba falamos da película Remando al viento. Pois ben, os seus títulos de crédito inícianse precisamente cos primeiros versos de Darkness: