Tempo de guerra, tempo de paz

Turn!, Turn!, Turn! e Mr. Tambourine Man (The Byrds, 1965)

 A mediados da década dos sesenta, eu era un adolescente fanático dos grupos musicais que daquela estaban a poñer os peares de todo o que viría despois. Xa deixei testemuña neste blog da miña admiración por grupos como The Spencer Davies Group, The Kinks, The Animals, The Who e, xaora, The Beatles ou The Rolling Stones. Os meus cartos para mercar discos eran moi escasos, así que tiña que me conformar con buscar obsesivamente a súa música polas emisoras de radio ou achegarme aos amigos que tiñan a fortuna de contar con tocadiscos e con algún disco destes grupos británicos.

No ano 1965 comezou a soar nas emisoras unha canción cun son diferente do destes grupos (os críticos daríanlle logo o nome de folk rock) e que axiña me fascinou. Tratábase de Turn!, Turn!, Turn!, cunha letra baseada no Eclesiastés, e quen a tocaban eran The Byrds, un grupo do que nunca antes escoitara falar. A novidade estaba tamén en que eran da Costa Oeste dos EE. UU., coma os Beach Boys, e anunciaban o flower power que traería a revolución hippie.

Poucos meses despois, outra canción de The Byrds, Mr. Tambourine Man, soou tamén repetidamente nas radios. Era tan boa, ou mellor, que a anterior! Aos grupos que admiraba sumouse The Byrds, e procurei seguir a súa traxectoria na medida que me era posible. Non puiden mercar discos deles ata algúns anos máis tardes, supoño que lles pasou o mesmo a moitos da miña xeración.

Sigo a escoitar con frecuencia estas e outras cancións daquel magnífico grupo. E se traio hoxe aquí estas dúas é porque foron as que lles deron sona e as primeiras deles que escoitei.

Claro que agora sei moito máis de cada unha. Para comezar, ningunha das dúas era da súa autoría. Turn!, Turn!, Turn! compúxoa o gran Pete Seeger, a quen tantas cancións marabillosas lle debemos, adaptando un texto bíblico do Eclesiastés (versículos 3, 1-8)

E Mr. Tambourine Man era unha canción que compuxera Bob Dylan, daquela aínda na súa etapa acústica. Din que foi o seu abraio ante a versión de The Byrds (que está abreviada, a de Dylan é máis longa) a que o levou á decisión de introducir a guitarra eléctrica na súa música, mais non sei o que hai de certo niso.

Para quen desexe saber máis da historia de Turn!, Turn!, Turn!, pode atopala aquí. E o mesmo no que se refire a Mr. Tambourine Man, unha canción que coñeceu numerosas versións e que xogaba un papel relevante na película Mentes perigosas.

E se a alguén lle apetece saber máis deste grupo fascinante, que só durou nove anos (separáronse en 1973, aínda que ben anos despois, en 1989, algúns dos seus compoñentes volvéronse xuntar), hai ben lugares onde ampliar estas liñas. Que ben resisten o paso do tempo as cancións de The Byrds!

P.S.: En xaneiro no ano 2011, algúns dos antigos membros de The Byrds interpretaron, xunto con Bob Dylan, unha versión anovada do Mr. Tambourine Man. Paga a pena escoitala: