Sempre Valente: Punto cero

Punto cero, de José Ángel Valente. Barral Editores, 1972

Punto cero, un libro esencial na miña vida. O exemplar que merquei na libraría Ágora, situada na coruñesa Rego de Auga e hoxe desaparecida, lémbrame o tempo en que o lin por vez primeira: decembro de 1972. Neste libro, publicado por Barral Editores naquela colección rompedora que foi “Insula Poetarum”, José Ángel Valente reunía os sete títulos que publicara ata daquela, e engadíalles ademais un inédito: Treinta y sieta fragmentos.

En anos anteriores, eu xa lera poemas soltos de Valente, en revistas como El Urogallo ou Camp de L’Arpa, así como nalgunhas escolmas como a famosa de J. Mª. Castellet. Mais Punto cero significou o meu encontro coa obra completa do poeta e a posibilidade de lela cronoloxicamente; dalgún xeito, significaba percorrer canda el o camiño que iniciara en 1951.

(José Ángel Valente recita o poema “Fisterra”, nun CD editado coa revista Bravú)

E produciuse o milagre. Neste libro que lin, e relín, e analicei polo miúdo, descubrín unha voz poética que expresaba unha visión da vida onde eu me recoñecía ata a dimensión máis fonda. Era coma se alguén escribise o que eu sentía, pero que nunca sería quen de expresar.

Cantos poemas non aprendín de memoria, sen querer, só polo feito de volver a eles unha vez e mais outra! Desde Punto cero, cada novo libro que Valente publicaba convertíase nun acontecimento, pois significaba a oportunidade de percorrer unha etapa máis no camiño que o poeta ía abrindo cos seus versos, tamén en lingua galega, coas Cántigas do Alén. Así foi ata o seu libro derradeiro, o estremecedor e inesquecible Fragmentos de un libro futuro.

Esta edición de 1972, co corvo peteirando na tinta derramada do tinteiro, aparece en varios dos meus libros, nomeadamente nos contos d’O único que queda é o amor. Se abrimos Punto cero pola páxina 179, batemos con este poema de amor insuperable, incluído nun dos seus grandes títulos: La memoria y los signos (1966):

SÉ TÚ MI LÍMITE

Tu cuerpo puede

llenar mi vida,

como puede tu risa

volar el muro opaco

de la tristeza.

 

Una sola palabra tuya quiebra

la ciega soledad en mil pedazos.

 

Si tú acercas tu boca inagotable

hasta la mía bebo

sin cesar la raíz de mi propia existencia.

 

Pero tú ignoras cuánto

la cercanía de tu cuerpo

me hace vivir o cuánto

su distancia me aleja de mí mismo,

me reduce a la sombra.

 

Tú estás, ligera y encendida,

como una antorcha ardiente

en la mitad del mundo.

 

No te alejes jamás.

                                                Los hondos movimientos

de tu naturaleza son

mi sola ley.

                                  Retenme.

Sé tú mi límite.

Y yo la imagen

de mí, feliz, que tú me has dado.