Entrevista de Sandra Faginas con Agustín Fernández Paz por «Non hai noite tan longa». Maio 2011

Sandra Faginas publicou no suplemento Culturas, de La Voz de Galicia, unha entrevista con Agustín Fernández Paz con motivo da publicación de Non hai noite tan longa. Reproducímola integramente:

Agustín Fernández Paz (Vilalba, 1947) detense a explicar con detalle a construción da súa última novela Non hai noite tan longa. É un autor de oficio, fai e refai, traballa nunha idea ata que finalmente consegue o resultado que desexa. Devece polas novelas ben construídas, «esas –di el– que atrapan ao lector que desexa seguir lendo para saber que pasa».

—Este libro recorda a «Corredores de sombra».
—Si, volvo de novo ao pasado e cunha trama de misterio.
—¿Por que esa necesidade de rescatar a memoria?
—Porque é necesario cando unha ferida segue aberta. O protagonista descobre unha inxustiza que cómpre resolver, porque dalgún xeito atopar a verdade é un xeito para el de expiar a culpa.
—É unha novela na que de novo a ditadura está presente.
—Eu situei parte dos sucesos a principios dos setenta, unha época con moita represión, na que ás veces parece que non pasou nada. Pero non é certo, foi un tempo moi duro: o proceso de Burgos, as folgas de Ferrol…
—Pero ese contexto segue a pesar moito na literatura, ¿non?
—Os que escribimos novelas facémolo co que eu chamo fíos da vida, é o único que temos. Todo sae dalgún xeito da miña vida, non no sentido autobiográfi co, pero si do que lin, escoitei, vin… Estón é lóxico que polo menos a xente da miña xeración escriba sobre ese tema. Eu vivín 28 anos na ditadura.
—¿Non lle parece excesivo? 
—É unha crítica relativa, mira, hai moitísimas películas sobre os nazis e a Segunda Guerra Mundial. E iso non se ve así. Hai moitas feridas na dimensión humana ligadas a un contexto político e social. Eu aínda me sorprendo cada día, agora cos roubos de nenos, ¡sinceramente, eu non sei antes de que morra cantas cousas máis non aparecerán!
—O seu estilo é moi depurado, ¿desbota moito material? 
—Eu si. Parto dunha idea que se converte en obsesión, logo esbozo argumentos posibles, fago personaxes, busco cronoloxía, e despois fago fi chas de capítulos hipotéticos. Empezo unha primeira versión a man, que escribo nun caderno de papel satinado amarelo e logo pásoa a ordenador. E aí fago ata 7 ou 8 revisións.
—A obra ten algo de «thriller».
—Si, uso técnicas da novela negra dun xeito descarado, vou escalonando os feitos para ir gañando o interese do lector.
—Vostede busca sen complexos o entretemento.
—Na miña concepción da novela o entremento é un axioma. Eu son feliz cando atopo unha obra na que cada capítulo tira doutro.
—¿Cal é o seu autor imprescindible en galego?
—Moitos. Agora estou relendo a Cunqueiro. Pero gústanme Rivas, Miranda, Quiroga… Son tamén moi lector de novela negra, ¡adoro a John Connolly!

Sandra Faginas