As razóns do galego

Este artigo que hoxe inclúo no apartado “Ensaios” da miña web apareceu anteriormente na revista LUZES (nº 15; febreiro, 2015). Tal como digo no inicio do texto,

«O motivo que me levou a escribilo non foron os datos publicados en decembro de 2014 polo Instituto Galego de Estatística (IGE) referidos ao coñecemento e uso do galego. O devalo da lingua que reflicten, sobre todo na cidadanía máis nova, xa foi comentado e analizado en diversos traballos cos que me sinto identificado.
Non foron os datos, senón as posteriores declaracións dos principais responsables da política lingüística aplicada en Galicia: o presidente da Xunta, Núñez Feijoo; o ex-conselleiro de Educación e Cultura, Xesús Vázquez; e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García. Esas declaracións –e tamén as dalgún comentarista con presenza habitual en medios escritos– son as que me levan a lembrar dez puntos que explican non só os datos do IGE, senón tamén a axenda oculta da política lingüística emprendida polos gobernos de Núñez Feijoo.»

1. A lingua é de todas as persoas, ten unha dimensión colectiva. Naceu hai máis de mil anos neste país e non é propiedade de ningún grupo político ou social. Perténcenos a todas as persoas que vivimos e soñamos nel e ás que chegan a Galicia desde calquera lugar do mundo e deciden quedar aquí. E, xaora, á xente que ten na nosa terra as súas raíces e anda espallada polo mundo adiante.
Para entender os problemas sociolingüísticos que hoxe experimenta a lingua convén ter moi presente a súa historia, que é tamén a dos seus falantes, porque nela están as raíces de moitos das dificultades ás que nos enfrontamos hoxe. Por exemplo, é a que explica os prexuízos existentes arredor do galego (rural, atrasado, localista, pailán, inútil…), os mesmos que revitalizaron con forza as políticas de Núñez Feijoo.

2. Os prexuízos e as actitudes negativas son o principal obstáculo para un uso normalizado da lingua. Funcionan como unhas “leis invisibles” que seguen orientando os comportamentos lingüísticos de boa parte da poboación. Sen eles non se podería entender un fenómeno moi relevante: a invisibilidade social da lingua. Aínda que a entende a práctica totalidade da poboación e a fala unha ampla porcentaxe, ten unha presenza social moito menor da que lle correspondería. O galego é, en certo sentido, unha lingua oculta. Esta invisibilidade social da lingua acada proporcións preocupantes nos ámbitos urbanos, onde semella haber zonas e situacións en que falar galego se vive como unha transgresión social.

3. O estatus do galego como lingua oficial, xunto co castelán, e o recoñecemento como «lingua propia de Galicia», serviron para construír un precario marco legal tras a morte de Franco. Malia o escaso entusiasmo dos gobernos autonómicos e a desconfianza das elites sociais, económicas e mediáticas, o galego foi acadando ámbitos e funcións que antes lle estiveran vedados.
A pedra angular deste marco legal é a Lei de Normalización Lingüística (1983). Dela quero salientar o artigo onde se di que naquelas etapas en que o ensino é obrigatorio, o Goberno garantirá que o alumnado acade unha competencia semellante nas dúas linguas oficiais.
No ano 2004, o goberno de Fraga Iribarne promoveu a elaboración dun Plan Xeral de Normalización da Lingua (PXNL). Nela participou un amplo número de representantes da sociedade civil e, tras posterior revisión, aprobouse por unanimidade no Parlamento Galego.
O PXNL facía unha radiografía da situación social do galego, estruturada en sete grandes apartados. Partindo desa radiografía, propuña uns obxectivos a medio prazo e un amplo repertorio de medidas para acadalos. Unha completa folla de ruta para as actuacións dos Gobernos autonómicos nas primeiras décadas do século XXI.

4. No ano 2006 accedeu ao goberno a coalición PSdeG-BNG. Na segunda parte da lexislatura aprobou un novo decreto que regulaba a presenza das linguas no ensino non universitario, elaborado seguindo as pautas do Plan Xeral. Isto provocou o ataque dos sectores opostos á normalización social do galego, apoiados con entusiasmo polo PP. O mesmo partido que promovera o PXNL rompeu todos os consensos para conseguir un rendemento electoral.
Foron os anos de falacias como la imposición del gallego, la defensa de la libertad lingüística ou el derecho de los padres a elegir, espalladas polos principais xornais de Galicia e polos da dereita madrileña. Mentiras que acabaron por instalarse nun sector da sociedade e contribuíron a que o PP gañase as eleccións do ano 2009.

5. Este primeiro goberno dun PP iniciou unha intensa contrarreforma co obxectivo de afogar as actuacións lingüísticas e culturais que agromaran co goberno bipartito. Sen ánimo de ser exhaustivo, cito aquí algunhas delas: eliminación das axudas económicas aos programas experimentais de ensino en galego en E. Infantil (maio, 2009); modificación do decreto que regulaba o currículo de E. Infantil, para dificultar na práctica a presenza do galego (maio, 2009); eliminación da esixencia de coñecemento do galego para acceder á función pública (xuño, 2009); derrogación do Decreto 124/2007 que regulaba o uso das linguas no ensino (xuño, 2009); modificación da normativa das galescolas de E. Infantil (agosto, 2009); recorte dos orzamentos para os ENL dos centros educativos (xaneiro, 2010); supresión das axudas para a promoción do galego nos concellos (setembro, 2009); supresión da proba de galego nas oposicións á docencia (febreiro, 2010); paralización das páxinas web que divulgaban a música e a literatura en galego; desmantelamento de Man Común, a plataforma de software libre en galego; diminución das axudas á edición e á tradución; paralización das medidas contempladas na Lei do Libro e da Lectura, como a creación do Instituto Rosalía de Castro para a promoción exterior… E, xaora, unha brutal diminución dos orzamentos destinados a política lingüística (21,5 millóns no 2009; 6,7 para o 2015).

6. Ademais das anteriores, as dúas actuacións principais que centraron esta cruzada contra o galego foron, en primeiro termo, a loita xurídica e ideolóxica para aprobar o chamado «Decreto para o Plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia». Un decreto que diminuíu de xeito dramático a presenza do galego no ensino, que prohibiu a súa utilización nas materias científicas, que retirou e destruíu os libros de matemáticas, que varreu o galego das aulas de Educación Infantil nas cidades… Un decreto que foi parcialmente anulado polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e que aínda está pendente do recurso de casación que a RAG presentou perante o Tribunal Supremo.

7. A outra actuación que quero salientar é para min a máis grave, pola persistencia dos efectos que produce: trátase da revitalización dos prexuízos contra a lingua. Mediante declaracións e actos un día si e outro tamén, e amparándose nunha utilización espuria do concepto liberdade, o goberno e os medios afíns conseguiron estender na sociedade novos prexuízos e fomentar as actitudes negativas.
Empregar o galego na vida social volveu ser unha práctica connotada. Dun xeito implícito, o que se nos pide ás persoas que temos o galego como lingua habitual é que sexamos amables e cordiais: que cambiemos de lingua nos despachos, nos comercios, nas consultas… para evitar conflitos. Abaixar a cabeza e claudicar en ámbitos adversos, deixar o galego para cando esteamos na casa ou con persoas de confianza: unha lingua só para o guetto, o ámbito da liberdade restrinxida.

8. O resultado destas actuacións é o que reflicten os datos do IGE. No ámbito do ensino, unha ampla porcentaxe do alumnado non emprega nunca o galego. En moitos casos non o falan porque non saben, como moi ben explicou Xabier P. DoCampo. E, nos casos en que saben, os prexuízos lévanos (a eles e ás súas familias) a rexeitar o seu uso, porque non resulta atractivo empregar unha lingua alcumada de radical, de atrasada, de limitadora, de inútil, de imposta. O modelo está nos que nos mandan: empregalo só en certas ocasións, nun práctica percibida como ritual e falsa.
O camiño para contrarrestar isto pasa polas medidas deseñadas no PXNL, porque un ambiente favorable ao emprego do galego non se produce espontaneamente. Unhas medidas nas que nunca deben faltar dúas constantes: o exemplo práctico de que o galego se pode usar para calquera función e a vontade de crear actitudes positivas cara á lingua.

9. E unha hipocrisía estrañarse dos datos do IGE ou non verlles relación coa política aplicada, pois son o resultado lóxico das medidas adoptadas. Calquera manual de sociolingüística explica que coas porcentaxes de emprego do galego no ámbito escolar, nun contexto de actitudes negativas, os datos teñen que ser os do IGE. E se non son peores é polo esforzado labor de tantos docentes que traballan para cumprir os obxectivos sinalados na Lei de Normalización de 1983.
De querer tamén iso o goberno, tería que cambiar de rumbo e camiñar na dirección correcta: a de conseguir que o alumnado sexa competente nas dúas linguas oficiais. E a crear ámbitos de uso, de maneira que os galego falantes non se vexan obrigados a ocultar a súa lingua, sexa na escola, no médico ou na notaría.

10. Se non se quere que haxa cidadáns de primeira e de segunda, teñen que crearse as condicións para que se poida vivir en galego coa mesma normalidade coa que se pode facer en castelán. Entre outras cousas, é preciso que a poboación sexa competente nas dúas lingua oficiais, para que logo cadaquén decida libremente se usa unha ou outra nos diferentes ámbitos e situacións. A dobre competencia é imprescindible para garantir a liberdade lingüística.
Esta dobre competencia xa a posuímos todos os cidadáns que temos o galego como lingua habitual, mais o contrario non ocorre. É falsa a oposición entre castelán falantes e galego falantes. En todo caso, a oposición sería entre os que temos competencia bilingüe e os que se obstinan no mantemento da competencia monolingüe vivindo nun país con dous idiomas oficiais.

O texto pode descargarse en pdf aquí: AS RAZÓNS DO GALEGO