“A viaxe de Gagarin” obtén o Premio de Narrativa da AELG

O pasado 9 de maio, a Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) celebrou a anual Gala das Letras no Círculo das Artes de Lugo. Durante o acto, conducido pola xornalista e escritora María Solar, déronse a coñecer as obras e as persoas merecentes dos galardóns, que se deciden por votación dos socios e socias da Asociación. A relación completa dos premios pode consultarse aquí.

No blog Brétemas de Manuel Bragado apareceu unha interesante crónica desta Gala das Letras.

A novela A viaxe de Gagarin, de Agustín Fernández Paz, foi elixida como o mellor título de narrativa publicado durante o 2014. Este recoñecemento vénse sumar aos dous obtidos anteriormente: o Premio Fervenzas Literarias  e o Premio “Ánxel Casal” da Asociación Galega de Editores (AGE), ambos os dous ao mellor libro de narrativa do ano 2014.

A viaxe de Gagarin está publicada na colección de Narrativa de Edicións Xerais. Na web do autor recóllese unha ampla información sobre o libro, así como as recensións e entrevistas que se publicaron nos medios.