Contos mínimos (3)

 (A fotografía deste post está tomada da web Poesía de Mujeres (http://www.poesiademujeres.com/)

Aínda que formalmente está inédito, este relato xa o coñece moita xente, porque llelo cedín  a diversos institutos do país para que o publicasen na súa revista. E tamén porque llelo teño mandado a profesoras e profesores que se interesaron por el. De calquera xeito, sempre ha ser bo volvelo ler, nesta última revisión que lle veño de facer.

E si, despois da súa lectura comprenderase ben que este texto vaia dedicado a todo o profesorado.

UN CASO DE LICANTROPÍA

 

Conforme pasaban os minutos, a insolencia daquela alumna ía en aumento. Xa non se trataba só do seu ostentoso desprezo polas explicacións que o profesor, con paciencia infinita, tentaba enfiar naquel ambiente hostil. O peor era que, ademais, a moza dedicábase a atraer a atención do resto da clase con procedementos cada vez máis imaxinativos. Ao contrario que a do profesor, a actuación da moza acadaba, por que non recoñecelo, un éxito de público cada vez máis clamoroso.

Atentos como estaban ás impertinencias da súa compañeira, os alumnos non se decataron das transformacións mínimas que anunciaban o desastre: o medre desmesurado das uñas, as grosas sedas que apareceron polas partes visibles da pel, o sangue coloreando o branco dos ollos, os cairos afiados que asomaban por entre uns labios anormalmente inchados, a mudanza na forma e no tamaño das orellas, a desfeita nas costuras da chaqueta e do pantalón…

Cando foron conscientes do que ocorría, era xa demasiado tarde. Algúns aínda tiveron un tempo fugaz para pensar en balas de prata e en cruces invertidas, e na ausencia da lúa chea, máis evidente no ceo azul daquela mañá de primavera, e noutras inútiles fantasías literarias e cinematográficas, tan afastadas do rutineiro ámbito docente e do mobiliario escolar que os rodeaba.

Así de terribles e inagardados son algúns fenómenos de licantropía.