“Ardalén”: excepcional e inesgotable

Ardalén, de Miguelanxo Prado (2012)

«É este vento, o Ardalén, que vén do outro lado do océano, chega cargado de recordos doutras vidas… doutras mortes. Hai quen, coma ti, se enchoupa como esponxa deses recordos alleos.»

Pido desculpas, porque vou incumprir unha das regras que me impuxen na primeira entrada deste blog (Intencións). Alí prometín non falar de obras actuais, senón das que me foron marcando ao longo da vida. Mais hoxe fago unha excepción. E fágoa porque son moi escasas as ocasións en que un se atopa ante unha obra de arte absoluta, como é o Ardalén que Miguelanxo Prado vén de publicar, no orixinal galego e na tradución ao castelán.

Coñezo bastante ben a historia dos cómics e sei que, xa desde os primeiros anos apareceron obras senlleiras (chega con dicir que Little Nemo in Slumberland, de Winsor McCay, que Google vén de homenaxear hai pouco, é de 1905). E sei que nestas últimas décadas apareceron obras extraordinarias, cada unha no seu estilo: desde Maus (1991) de Art Spiegelman ata Watchmen (1987) de Alan Moore e Dave Gibbons, pasando por Trazo de xiz (1992) de Miguelanxo Prado.

Mais Ardalén é outra cousa, representa un salto cualitativo que sitúa a linguaxe da banda deseñada nunha nova dimensión. No mesmo xeito que hai novelas e películas que marcan un antes e un despois na historia da literatura ou do cine (e penso n’O Proceso de Kafka ou no Cidadán Kane de Welles) tamén Ardalén o fai no ámbito da novela gráfica.

Non afirmo isto pola calidade plástica das imaxes, dunha beleza fascinante, tanto que nos seguirían abraiando se os textos estivesen en finés ou en suahili. Coñecendo a mestría de MAP e os álbums anteriores da súa traxectoria, un xa agarda subir un chanzo máis en cada nova obra.

Ademais do anterior, onde creo que MAP consegue un resultado excepcional é na estrutura da historia que nos conta e no manexo do material narrativo. En Ardalén vánsenos presentando retallos da historia dunhas vidas, de xeito que cada un nos ofrece un anaco que nos permite ir configurando o marco dun relato complexo onde a fantasía e a realidade camiñan á par e se enguedellan dun xeito progresivo, a medida que imos descubrindo as múltiples capas e reviravoltas que a historia encerra.

Como na Comala de Pedro Páramo, coa que ten máis dun punto de contacto, tampouco aquí nada é o que parece. Os breves e iluminadores flash backs, así como os variados documentos “obxectivos” que se ofrecen (entrevistas, expedientes de depuración, sentenzas xudiciais, pasaxes de barco, informacións meteorolóxicas, curiosidades científicas…), permítennos ir configurando o cadro completo, se é que iso é posible nunha obra que descobre máis e máis detalles en cada nova lectura.

Sería certo dicir que Ardalén é unha indagación sobre a memoria, sobre a certeza de que ela é quen nos configura, sobre as lembranzas e os esquecementos… Mais sería incompleto, porque esta novela gráfica contén personaxes inesquecibles (Sabela, Fidel, Celia, Rosalía…), cada un coa súa historia e coa súa visión do mundo, cada un coma un río que acaba confluíndo no río principal. Non é un ensaio, é unha narración encarnada nesas vidas.

A historia transcorre nunha aldea, nas montañas do sur de Lugo, o lugar a onde chega Sabela, unha muller de cidade, na procura dalgún rastro do seu avó materno. Nada contarei aquí desta narración que, desde ese centro do mundo, se vai expandindo no tempo ata abranguer todo o século XX e no espazo, coa presenza dos países da emigración galega, como Cuba ou Venezuela. Quen desexe saber máis, ten lugares dabondo para se informar.

O que quero salientar é unha verdade esencial. A idea de que só se é universal desde a asunción decidida das propias raíces é clave en Ardalén. Unha narración profundamente galega, que percorre a nosa historia, que fala mesmo da diglosia profunda que padeceu a lingua, convértese nunha obra que ha chegar ao corazón de calquera persoa, por moi afastado que sexa o país onde viva. Porque fala da vida e dos sentimentos e paixóns que todos compartimos, e cousas así non saben de fronteiras.

Poderiamos seguir indefinidamente, dá mágoa parármonos aquí, cando queda todo por dicir desta obra inesgotable. A importancia da paisaxe, deses montes outonizos de luz fría, tan distinta da luz dos portos do Caribe. A soberbia planificación das páxinas e o uso admirable das elipses narrativas. As delicadas transicións entre a realidade e as lembranzas, ou entre o real e o fantástico. E as baleas, esas baleas inmensas que cantan entre os eucaliptos e voan maxestosas cada vez que sopra o Ardalén… Esas baleas!

 

AMPLIACIÓN (29-3-2013): En Sermos Galiza aparece unha moi boa entrevista con MAP, logo de que Ardalén recibise o premio das librarías ao mellor álbum editado en España no 2012.